Os talleres de Bodyfulness de A Vida é Movernos regresarán ao contorno natural da Illa das Esculturas os vindeiros sábados 2 e 9 xullo

81

Tralo éxito da súa primeira edición, desenvolvida entre setembro e outubro do ano pasado, os talleres de Bodyfulness de A Vida é Movernos, o programa estrela da Concellería de Deportes, regresarán ao contorno natural da Illa das Esculturas con dúas sesións de dúas horas que se desenvolverán os vindeiros sábados 2 e 9 de xullo en horario de 10:30 a 12:30 horas. Estes obradoiros de balde, que buscan acadar unha aproximación somática ao movemento para mellorar a saúde integral, volverán ser impartidos pola experta Lía Brea, terapeuta en Danza Movemento Terapia (DMT) pola Universidade Autónoma de Barcelona e licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).


A actividade está pensada para grupos dun máximo de 12 participantes maiores de 16 necesarios e todas aquelas persoas que desexen participar deberán inscribirse previamente a través da dirección de correo electrónico lia.breafolgar@gmail.com ou do teléfono 657 189 558. Tal e como lembrou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o bodyfulness conxuga distintos elementos das disciplinas psicosomáticas, que traballan a interacción entre a mente e o corpo e que integran aspectos de conciencia corporal, movemento creativo e consciente e técnicas de meditación e contemplación”.


Deste xeito, os talleres permitirán experimentar as relacións desde o corpo a través de propostas creativas e de movemento somático e xerar na cidadanía a conciencia de que tanto o noso mundo interno (emocións, pensamentos, sensacións, postura corporal…) como o mundo externo (a cidade e os seus ritmos e sons, as rúas, os elementos da natureza, as persoas…) están en comunicación permanente e se afectan mutuamente. 


As sesións desenvolveranse nunha progresión orgánica, dirixindo a atención desde o interior ata o exterior, con distintas propostas dinámicas e abertas á libre exploración e incluíndo quecemento, traballo coa respiración, expresión, xogo en movemento e posta en común do experimentado. Aconséllase que os participantes dispoñan dunha esterilla ou toalla de praia para estar máis cómodos en posturas que impliquen tumbarse no chan, así como de auga para hidratarse.

Para obter máis información en torno á metodoloxía de traballo pódese consultar a páxina web https://www.liabrea.es/.