A Vida é Movernos e PonteBaile animan a pontevedreses de tódalas idades a ‘ghastar a pista’ do MetroSán este domingo 3 de xullo nunha actividade que combina baile, andaina, estiramentos e exercicios de quecemento e tonificación

218

“A Vida segue a moverse no mes de xullo e, aproveitando o bo tempo, continuamos a impulsar iniciativas novidosas coas que pretendemos fomentar hábitos de vida saudables, incluíndo a saúde mental, é dicir rir, pasalo ben… E nada mellor para iso que bailar. O baile, igual que a música, é un alimento para a alma. Neste sentido, fixéronnos unha proposta para combinar o baile coas andainas, cun deses proxectos que van marcar este mandato, que é o do MetroSán, unha rede de itinerarios que un pode completar en bici, correndo, camiñando, que son accesibles e fáciles de percorrer para calquera”. Deste xeito definiu esta mañá o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, os elementos que compoñen a iniciativa ‘Ghastas Pista?’, coa que o programa A Vida é Movernos e a escola de baile PonteBaile queren convidar aos pontevedreses e pontevedresas precisamente a ‘ghastar pista’, nunha actividade que se celebrará o domingo 3 de xullo e que combinará baile, andaina, tonificación e estiramentos.


Un evento de balde que busca conciliar saúde e diversión nun dinámico roteiro que partirá ás 10:00 horas da Ponte do Burgo, tras media hora de quecemento físico dirixido a través da danza, nunha camiñada de 4,6 kilómetros rumbo ás Corvaceiras e á Illa das Esculturas, seguindo precisamente o itinerario indicado no mapa do MetroSán (de hora e media de duración). A Illa das Esculturas será escenario dunha nova parada para realizar unha aula de tonificación dirixida duns 20 minutos, retomándose posteriormente a andaina cara ao balneario do Lérez e a pasarela peonil, completando outros 8,5 kilómetros (o tempo estimado para este treito no MetroSán é de dúas horas e media). O traxecto pecharase cunha sesión dirixida de estiramentos, perfecta para regresar a casa relaxados, rematando arredor das 13:00 horas.

Tal e como precisou Fernández no acto de presentación, no que estivo acompañado pola responsable de PonteBaile e da coordinación da actividade (xunto con Adrián Esperón), Noemi Abal, a iniciativa “xurdiu co obxectivo de dar a coñecer un proxecto como o MetroSán, que está nacendo, e tentar que o pasemos ben, desfrutemos e fagamos exercicio”, fomentando os hábitos de vida saudables, “facendo que as persoas que normalmente non fan actividade física se acostumen a facela e dispoñan de opcións para facela, e loitando contra a tristeza, a depresión e a soidade que nos acompañou durante esta pandemia e que aínda estamos a vivir”.


Noemi Abal asegurou que, con esta proposta, “quixemos facer algo distinto, utilizando como quen di o refraneiro do meu avó, que empregaba o ‘ghastas pista’ para convidar a bailar á miña avoa, e tamén por suposto pola andaina, por ‘ghastar a pista’ do MetroSán”. “É unha actividade que se nos ocorreu precisamente a raíz da iniciativa do MetroSán -indicou Abal-, con exercicios e quecementos moi sinxelos e distintas especialidades de baile, como bachata ou salsa, para tódalas idades: pais, avós, fillos… Polo que se pode facer en familia, pasando un domingo diferente”.


Todas aquelas persoas que desexen participar nesta actividade de A Vida é Movernos poderán inscribirse a través do email pontebaile@gmail.com (non hai límite de prazas). A organización achegará un equipo de megafonía para dispoñer de música e dun micrófono, botellas de auga e unha papeleira de reciclaxe.