Desenvolvemento Sostible deixa como novos para o verán os parques infantís da Praza de Europa e O Mirador de Monte Porreiro

94

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata o barrio de Monte Porreiro para supervisar o excelente resultado das actuacións executadas polo seu departamento para deixar como novos de cara ao verán dous dos seus parques infantís máis emblemáticos e empregados pola rapazada, os situados no Mirador e na Praza de Europa. Tal e como lembrou o edil socialista, o Servizo de Parques e Xardíns efectuou un investimento de máis de 15.000 euros “para levar a cabo traballos de arranxo e mellora integral destas áreas de lecer, deixándoas en perfectas condicións de uso e seguridade para que os máis pequenos as poidan utilizar de xeito intensivo desde o inicio das súas vacacións estivais”.


No parque da Praza de Europa, un dos principais eixo da vida social do barrio, as obras centráronse na reparación e renovación de todo o pavimento e dos elementos de xogo, levando a cabo o arranxo de tódalas fendas e roturas do seu desgastado pavimento de herba sintética, así como o pintado e revisión dos diferentes xogos. “Foi unha intervención na que se investiron 10.285 euros -subliñou Puentes- e que contemplou unha importante achega de area na zona na que se atopa a tirolina para rexenerar o pavimento, ademais de algún axuste na propia tirolina”.


No caso do parque infantil do Mirador, a Concellería de Desenvolvemento Sostible levou a cabo unha serie de actuacións entre as que se incluíron a renovación de todo o pavimento de area, o pintado dos xogos, a revisión de parafusos, tapóns e elementos de seguridade, o cambio dun resorte e a adaptación dos bambáns para que o parque cumpra as normativas autonómica e europea en materia de seguridade e acadar a certificación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac). Asemade, dentro destas obras, ás que se destinaron uns 5.000 euros, cambiouse todo o valo perimetral de madeira e pintouse de cores vermella, azul, verde e amarela e mellorouse a zona dos bancos.


Iván Puentes sinalou que os traballos enmárcanse no seu plan para que tódalas zonas de xogo da cidade estean en perfectas condicións, cumpran as normativas autonómica e europea en materia de seguridade e acaden a certificación da Enac. “Desde esta Concellería xa tiñamos realizado previamente un importante esforzo económico neste sentido no barrio de Monte Porreiro, investindo 40.000 euros no proxecto que fixo posible restaurar o parque infantil da Praza de Europa, dotalo dunha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude, mellorar o pavimento de terrizo do contorno desta área de lecer infantil e delimitar a súa rede de sendas internas mediante bordos de formigón. Un esforzo económico que terá o seu colofón cando executemos o plan de reforma integral de todo o parque, que conta cun orzamento de 60.000 euros e que prevé a construción dunha nova pista polideportiva e a renovación de todo o mobiliario”.


Segundo avanzou, “será un importante proxecto de axardinamento e mellora paisaxística de todo o parque da Praza de Europa, entre as rúas Bélxica e Alemaña, ao que lle queremos poñer a guinda creando esa pista multideporte na súa cara interior, a que dá cara á igrexa”.