O Concello saca a poxa unha parcela urbanizable na contorna do parque Amalia Álvarez

418
Situada na coñecida como unidade de actuación 18, conta con 147,87 metros cadrados, e sairá cun limiar mínimo de 420.641,22 euros, prezo ao que se lle deberá sumar o IVE
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, aproveitou para facer balance da primeira cita festiva do verán, cun Surfing the Lérez que recuperou o seu esplendor logo de dous anos sen ser celebrado 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá da última Xunta de Goberno celebrada, onde, alén dos puntos do día, tamén foron tratados outras temas de interese municipal. Entre estes figura a aprobación para sacar a poxa unha parcela urbanizable na contorna do parque Amalia Álvarez na que se coñece como unidade de actuación 18.

Trátase dunha parcela de titularidade municipal, de 147,87 metros cadrados, e que terá un limiar mínimo de  420.641,22 euros, prezo ao que se lle deberá sumar o IVE, tal e como indicou a edil. Doutra banda, a superficie total edificable desta parcela é duns 1.035 metros cadrados.

Cando o proceso apareza publicado no BOP —Boletín Oficial da Provincia—, os interesados en mercar o terreo terán un prazo de 30 días hábiles para presentar as súas ofertas. A oferta máis alta será a adquira a parcela, sempre que pase o nomeado nivel mínimo estipulado.

O proposto para a adxudicación deberá presentar unha garantía provisional do 5 %, algo máis de 20.000 euros, para a reserva dos terreos. «Esta reserva faise para que as poxas sexan serias e non supoñan unha perda de tempo a nivel administrativo», lembrou Gulías. 

O Surfing the Lérez finaliza sen incidentes e cunha programación diferenciadora

A portavoz do Goberno quixo aproveitar a súa comparecencia para parabenizar á todos os implicados na realización, produción e éxito do Surfing the Lérez, logo da súa celebración a pasada fin de semana.

«Toda a súa programación foi escollida con especial coidado para ser unha proposta diferente e diferenciadora, fóra de todo o circuíto de festivais que hai agora mesmo na Galiza», explicou Gulías. «Prestaríanos eloxiar o bo gusto dos programadores, o coidado de traer unha proposta tan variada e con tanta presencia da nosa lingua. Tamén é preciso felicitar a todos os asistentes, ao demostrar un comportamento cívico exemplar, coma sempre, sen incidencias graves, nas que a cidade e os visitantes tomaron o espazo público, un espazo privilexiado como é a Illa do Covo. É un festival que só se pode facer nunha cidade como Pontevedra, unha vila na que estamos acostumados a ocupar e vivir nos espazos e darlles novos significados e contidos».

Doutra banda, Gulías lembrou que o festival foi de balde, algo realmente notable en comparación a gran maioría de festivais que se producen polo resto do Estado. «Parabéns a todas as pontevedresas por termos e por sabermos gozar dun festival coma é o Surfing the Lérez»,