Desenvolvemento Sostible deixa ‘de bandeira’ para o verán a praia fluvial do Lérez: instala un balizamento perimetral de 175 metros, achega 42 metros cúbicos de area e este venres estrea socorristas e nova cartelería na caseta e nos baños

50

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, está a realizar nestas últimas semanas de xuño unha serie de traballos destinados a poñer ‘de bandeira’ de cara ao verán a praia fluvial do Lérez. O Servizo Municipal de Medio Ambiente destinou 3.726,80 euros a instalar o balizamento perimetral de boias amarelas de 175 metros que xa sinala desde hai uns días a área permitida para o baño, mentres que a empresa EC Casas aproveitou a xornada de tempo nubrado de hoxe para executar obras de achega e nivelación de 42 metros cúbicos de area, estendéndoa especialmente por aquelas zonas nas que xa comezaba a asomar a malla de protección do areal e o tubo de desaugue situado na esquina do peirao (unha intervención contratada cun orzamento de 7.540,12 euros). 


Ademais, a praia fluvial estreará este venres 1 de xullo o seu servizo de socorrismo, para o que o Concello contratou á empresa Salvar, Formar y Socorrer SL e destinou unha partida de 18.053,20 euros. Segundo explica Iván Puentes, “os socorristas vixiarán o noso único areal urbano ata o 31 de agosto, tódolos días en horario de 13:00 a 20:30 horas: dous de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas, e un o resto do tempo”. 


“Ese mesmo día, o venres 1 de xullo, tamén quedarán colocados na caseta dos socorristas e os baños os vinilos e a nova cartelería de Verde Urbano, na que se establece información sobre as zonas de baño permitido, con precaución e prohibido (alertando do perigo das correntes de baixada e subida de marea); lémbrase que estamos nunha praia libre de fume, e exhórtase á cidadanía a conservar un ambiente agradable, a falar e escoitar música e radio cun volume baixo e empregar as papeleiras para deixar os refugallos. Na cartelería tamén aparecen o teléfono de emerxencias 112 e os contactos do servizo de mantemento: 986 804 300 e verdeurbano@pontevedra.eu“, subliña o concelleiro do PSOE.


Por outra banda, instalarase un cartel no que se poñen en valor o conxunto de camiños que arrodean os últimos quilómetros do río Lérez, entre a presa de Bora e a zona máis urbana do concello. “Un parque natural de máis de 6 quilómetros e múltiples sendas accesibles para gozar da natureza -sinala Iván Puentes-, con puntos de interese como a Estación de Bombeo, o antigo balneario, a ponte das Palabras ou a propia praia fluvial. O cartel levará tamén un completo plano da infraestrutura verde da cidade, desde a Xunqueira de Alba e a Illa das Esculturas, pasando polas sendas fluviais e o Camiño de Santiago, ata os parques de Campolongo e Os Gafos. Unha vez máis, instamos á cidadanía a manter un comportamento cívico, respectando ás persoas que camiñan, non tirando refugallos e contribuíndo a facer destes espazos lugares de harmonía”.


Todos estes traballos complétanse coa contratación, cun orzamento de 4.797,65 euros, da empresa Prezero España SAU, que se encargará de desenvolver o servizo de limpeza dos baños e do areal durante o período estival (ao igual que os socorristas, entre o 1 de xullo e o 31 de agosto). En concreto, os aseos limparanse dúas veces ao día.