O Concello adxudica o novo contrato de mantemento de espazos urbanos de Pontevedra por 726.000 euros

48
Trala súa sinatura queda garantida a presencia de tres brigadas con carácter permanente na rúa e un equipo de retén para prever, tratar e manter as zonas urbanizadas da Boa Vila
Segundo a edil Eva Vilaverde, este novo contrato permitirá «manter no mellor estado posíbel os espazos públicos e todos os elementos que os conforman» 

A concelleira responsábel de Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos, Eva Vilaverde, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da comisión de mobilidade, infraestruturas, obras e servizos. Alén dos asuntos tratados nesta, a edil aproveitou a ocasión para facer fincapé e focalizar a atención na adxudicación do novo contrato de mantemento dos espazos da cidade.

Finalmente, e logo da realización do concurso, será a empresa Elsamex Gestión de Infraestructuras, S.L.U. a adxudicataria do contrato, por un montante de 726.000 euros anuais, por un período de dous anos prorrogables por outros dos (1+1). 

A compañía en cuestión logrou o contrato ao ofrecer a mellor oferta das presentadas, segundo a mesa técnica encargada de revisar as propostas achegadas, ao incluír unha baixa porcentual do 13 % sobre os prezos unitarios e unha mellora dos equipos humanos respecto das condicións establecidas no prego do concurso, con catro operarios a maiores do estipulado.

«Houbo catro empresas que ofertaron con ampla experiencia no sector e neste tipo de contratos noutras administracións públicas», explicou Vilaverde. «A oferta escollida permitirá manter no mellor estado posíbel os espazos públicos urbanos, é dicir, todo o que ten que ver con mobiliario, pavimentos, viarios, pintados, sinalización e estruturas singulares que forman parte de todas as zonas urbanizadas do Concello de Pontevedra».

A edil lembrou que Pontevedra conta cuns espazos públicos moi coidados, como base xeral, pero o propio uso destes, así como a convivencia dos diferentes axentes da cidade ou as actividades feitas na rúa, fai necesario redobrar esforzos co obxectivo de mellorar «o estándar de calidade dos espazos urbanos» o que supón unha mellora nos recursos económicos destinados a esta idea.

O novo contrato garante a presencia de tres brigadas con carácter permanente na rúa e, a maiores, un equipo de retén. Por suposto, tamén están contempladas accións especiais como traballos de asfaltado, ferraxería ou carpintería. A estes grupos de traballo habería que sumarlles as actividades desenvolvidas polas brigadas municipais.

Vilaverde explicou que o Concello continuará mellorando a coordinación entre os equipos e os servizos da cidade, co fin de de tratar as emerxencias que poden ir xurdindo, «garantindo que o mantemento teña ese estándar de calidade» esixido pola veciñanza de Pontevedra. «Agora poderemos falar non só de mantemento, senón de tratamento preventivo, algo buscado desde principio de mantemento».

Cómpre sinalar que o novo contrato tamén inclúe un maior número de «necesidades a cubrir», é dicir, a serie de obrigas a cumprir pola empresa que ao longo destes últimos tempos o Concello comprobou que era precisa cubrir, como por exemplo un maior número de casos de traballos de carpintería, ferraxería e tratamento de metal, pintados, vernizados, sinalización horizontal e vertical ou a atención de estruturas singulares como muros, peches e pontes.