Pontevedra amosa a súa transformación urbana no foro do centro das cidades celebrado hoxe no Parlamento europeo

92
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recordou os retos que tiña Pontevedra en 1999 para cambiar o paradigma da cidade e devolvela ás persoas. Os resultados, despois de 23 anos é o recoñecemento internacional e o aumento da estima dos pontevedreses e pontevedresas pola súa cidade
A delegación pontevedresa integrada polo alcalde e o tenente de alcalde Tino Fernández manteñen a axenda de mañá no que terán un encontro con entidades locais no Consello de Europa

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou esta mañá no segundo Foro do centro das
cidades, organizado no Parlamento Europeo pola entidade Centre-ville en mouvement, aproveitando a
presidencia de Francia do Consello da Unión Europea. Para abordar a mobilidade e a peonalización de
Pontevedra, o alcalde estivo acompañado das cidades de Liubliana (Eslovenia) e Lund (Suecia).

O alcalde explicou na súa exposición que “cando partimos no 1999 Pontevedra era un almacén de coches”
por iso o novo goberno local, daquela, tiña claro que era preciso un “cambio de paradigma, para crear un
proxecto buscando apoio social e executandoo con valentía política”. Nese cambio de paradigma acordouse
reducir o espazo destinado aos vehículos que “pasaron a ocupar o 30% do espazo público e os peóns o
70%”.

Ao respecto do tráfico, autorizouse o de destino, é dicir, “o necesario para que a cidade funcione”, e
eliminouse o tráfico de paso. Tamén se modificaron as prioridades no espazo público poñendo ao peón na
cima da pirámide e ao vehículo privado na base.

Para acadalo iniciouse un proceso de transformación reivindicando o dereito ao espazo público, a
accesibilidade universal, boa iluminación, renovación de servizos, renaturalización urbana, en definitiva,
acometendo un proxecto integral.

Neste proxecto a seguridade viaria ten unha importancia capital. En 2010 Pontevedra reduciu a velocidade en
todas as vías municipais a 30km/h e en 20219 a 10km/h todas as zonas de preferencia peonil.
O alcalde lembrou que estas medidas non só se conseguen con lexislación, senón tamén co deseño da
propia cidade, por exemplo coa instalación de pasos sobreelevados. En Pontevedra hai 597 instalados. A
circulación das bicicletas está integrada no tráfico convencional. “Non hai carrís bicis, non segregamos
espacios”, explicou o alcalde.

Para que o sistema funcione buscáronse alternativas de estacionamento: soterrados, perimetral de bordo e
de balde, e de 15 minutos no centro da cidade, tamén de balde.

Para que o sistema funcione, enchéronse de contido as rúas e prazas da cidade, é dicir, fomentouse a
actividade económica, dinamismo cultural, festivo, deportivo e comercial de proximidade. Lores lembrou que
Pontevedra aposta por “unha cidade compacta e de multiservizos. Evitamos a suburbanización e a
especialización das zonas da cidade, e non promovemos as áreas comerciais na periferia porque xera un
tráfico inasumíbel e é a única forma de potenciar o comercio local”.

Os propósitos do modelo son reivindicar o dereito ao espazo público equitativo para todos e todas, sen
diferencias de condición social, promover a autonomía das persoas e a perspectiva de xénero en todo o
deseño urbano.

Os resultados foron (e seguen a ser) a reducción do tráfico a motor; aumento da economía terciaria, aumento
da poboación no centro da cidade -Pontevedra ten a poboación máis moza de Galicia-, o 80% dos nenos e
nenas van camiñando ao colexio, reducíronse nun 60% as emisións de CO2, existe un recoñecemento
internacional do modelo e incrementou a autoestima dos veciños e veciñas de pontevedra.
Concluíu Lores explicando que “as decisións políticas tomadas en beneficio da cidade son asumidas,
maioritariamente, pola poboación, polo que non hai que ter medo”. Tamén afirmou que “non son máis caras
que facer as cousas doutra forma” e que tamén teñen “un beneficio electoral”.

Axenda institucional

Miguel Anxo Fernández Lores estivo acompañado na súa intervención do tenente de alcalde, Tino Fernández
que xunto ao resto da delegación de Pontevedra chegaron á Estrasburgo ás 05.00 horas da mesma mañá da
participación do foro no Parlamento Europeo, logo de ter problemas co programa de voo previsto para a
xornada de onte.

Aqueles inconvintes obrigaron a suspender a entrevista que tiña concertada a delegación de Pontevedra coa
alcaldesa de Estrasburgo e o seu equipo de mobilidade, pero continúa en pé o encontro con entidades
locais mañá pola mañá no Consello de Europa.