O concelleiro socialista Marcos Rey bota unhas ‘canastras’ cos nenos e nenas do campus de verán do Club Amigos do Baloncesto (CAB), no que participan rapaces e rapazas dos colectivos Amizade e Down Pontevedra Xuntos

104

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, achegouse esta mañá ata o Pavillón Multiúsos da Xunqueira para compartir un ratiño e botar unhas ‘canastras’ cos nenos e nenas participantes no campus de verán co Club Amigos do Baloncesto (CAB), entre o que se inclúen rapazas e rapaces dos colectivos Down Pontevedra Xuntos e Amizade integrados no pioneiro programa do CAB Social. Ademais de realizar uns lanzamentos desde a liña de tiros libres e desde o perímetro con algúns destes xoves baloncestistas, o edil socialista tamén lles entregou como agasallo unhas bolsas con gorras, pulseiras e chaveiros da Concellería de Promoción Económica e Turismo.


Tal e como explicou o presidente do CAB, Manuel Collazo Salvado, “o proxecto do CAB Social creouse hai un ano, en colaboración con Amizade e Down Pontevedra e grazas á oportunidade que nos deron Concello e Deputación, co obxectivo de axudar aos rapaces con algún tipo de discapacidade e incluílos no mundo do deporte”. “A finalidade é que xoguen entre eles -matizou Collazo- non que xoguen uns por un lado e os outros por outro. Hai que normalizar unha situación que debería estar normalizada. A verdade é que os nenos e nenas están encantados. Este é o primeiro ano, pero agardamos poder facer máis actividades. Estamos pensando en organizar un torneo no que tódalas asociacións de Down de Galicia poidan quedar aquí, en Pontevedra, compartir tempo xuntas e xogar ao baloncesto”.


Segundo apuntou, o CAB Pontevedra está conformado por 21 equipos con 280 rapaces, desde categorías baby basket (que comezan con seis anos) ata sénior, ofrecendo 60 prazas para participar durante unha semana no seu campamento de verán, que á marxe das actividades propiamente deportivas, inclúe outras como charlas ou visitas turísticas guiadas. “No equipo de mini basket do CAB Social -aclarou- temos a seis rapazas, hai un par de días estiveron por aquí membros de Amizade dando unhas charlas sobre a importancia de empregar o cinto de seguridade nos coches para previr accidentes e hoxe temos aquí a unha ducia de rapaces e rapazas de Down Xuntos xogando con nós ao baloncesto”.


Marcos Rey agradeceu ao CAB por desenvolver “un proxecto inclusivo en toda regra, no que os nenos e nenas de Down están xogando e traballando cos do CAB, cunha aceptación total por parte dos rapaces e sen que se note diferencia algunha”. “Cremos que isto é moi importante para os colectivos, para a cidade e para os mozos -asegurou o edil do PSOE-, que se sinten arroupados en tódolos sentidos. É un proxecto que comezou hai un ano, que se está a consolidar, ambicioso e totalmente integrador. Coido que var converterse en referente. Sempre presumimos de que Pontevedra é unha cidade moi inclusiva e amable e o apoio do Concello para este tipo de iniciativas é absoluto”.