O concelleiro de Benestar Social recoñece o labor desinteresado desenvolvido durante case dúas décadas polo albergue ‘Calor y Café’ entregándolles aos seus responsables unha pintura de homenaxe que elaborou o Centro Méndez Núñez

25

O albergue ‘Calor y Café’, auspiciado pola asociación San Vicente de Paúl, pechou onte as súas portas tras case dúas décadas ofrecendo amparo e sustento a transeúntes e persoas sen teito en Pontevedra e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, quixo recoñecer “o inxente e impagable labor que desenvolveron ao longo destes anos” entregándolles un agasallo moi especial: “unha obra pictórica na que aparecen varios dos emblemas da nosa cidade (o santuario da Peregrina, a Praza da Ferrería, o Loro Ravachol, a Casa Consistorial, as Ruínas de Santo Domingo e o Pazo da Cultura), situados sobre unha cama que representa ao albergue, cunha taciña de café nunha das patas”. Tal e como explica o edil socialista, a pintura, na que pode lerse a dedicatoria ‘Recoñecemento a Calor y Café polo labor desinteresado durante estes anos. Concellería de Benestar Social’, “foi elaborada polo Centro Méndez Núñez, da asociación de apoio a persoas con discapacidade intelectual ‘Virgen de la O’, que conta cun centro especial de emprego sen ánimo de lucro orientado a comercialización de produtos artesanais personalizados (denominado eMeeNe)”.


O afecto e gratitude do concelleiro de Benestar Social tamén foi correspondido polos responsables do albergue, que lle fixeron entrega dunha das camisetas de Calor y Café distribuídas entre os voluntarios. 


“Ao abrir as súas portas o novo albergue de Cáritas, este espazo de acollida, que cada vez contaba con menos voluntarios, cumpriu o obxectivo para o que nacera e coido que aqueles que contribuíron a facer máis sinxela a vida das persoas sen teito merecen un enorme recoñecemento por parte de toda a sociedade pontevedresa. Non obstante, San Vicente de Paúl mantén un taller de tapicería e mobles para que persoas en situación de exclusión dispoñan dunha pequena fonte de ingresos”, sinala Marcos Rey.