Empresas locais e galegas comezan o seu camiño conxunto na celebración da Placemaking Week Europe en Pontevedra

67
A semana que vén, o alcalde a concelleira de Promoción da Cidade presentarán en Madrid, no Reina Sofía, a Placemaking Week Europe na procura de novas interaccións para a cidade 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, mantiveron esta mañá de venres, 1 de xullo, unha xuntanza de traballo coas empresas colaboradoras iniciais na posta en marcha da Placemaking Week Europe, da que a Boa Vila será sede no mes de setembro, figurando como unha das citas máis importantes do mundo no eido do urbanismo e o futuro das cidades.

A día de hoxe, as empresas galegas que colaborarán neste evento serán: 

  • VIAQUA
  • EDIGAL
  • PONTEVEDRESA
  • SETGA
  • DELEITE
  • EFÍMERA ESPACIOS TEMPORALES
  • LABAUH FACTORY
  • CLÍNICAS ON

Doutra banda, estarían as seguintes entidades:

  • MANCOMUNIDADE DO SALNÉS
  • ASOCIACIÓN PARA O EMPRENDEMENTO E INNOVACIÓN: PONT-UP STORE
  • CIFP CARLOS OROZA
  • ASOCIACIÓN DE HOTELEIROS DE PONTEVEDRA
  • ESCOLA DE ARQUITECTURA DE A CORUÑA

Cómpre lembrar, que a maiores deste listaxe de empresas e entidades, a propia Placemaking Europe está a buscar outros apoios internacionais, e a porta para colaboracións e chegada de novos patrocinios seguirá aberta nas vindeiras semanas.

«Todas estas agrupacións estarán presentes de diferentes formas e tipos de colaboracións durante o evento, aportando material ou aportando actividades complementarias, por exemplo, pero sempre co obxectivo de amosar o potencial do empresariado pontevedrés e galego», explicou Gulías. «A intención de todo isto é converter a Placemaking Week nun escaparate do talento empresarial da nosa cidade, un exemplo de políticas públicas a disposición dos veciños e das veciñas para facermos cidades mellores».

Algunhas das propostas empresariais serán incorporadas ao programa da propia cita internacional e tamén serán realizados encontros bilaterais entre as persoas visitantes e as entidades e empresas colaboradoras á hora de sumar esforzos e crear sinerxías. «Poremos a disposición da veciñanza e dos empresarios todas as ferramentas para que cristalicen eses encontros», indicou a edil.

Pola súa banda, o alcalde agredeceu a presencia das empresas e entidades que puideron asistir a esta reunión, lembrando que no mes de setembro haberá «centos de persoas interesadas no gran debate que ten que ver coa cidade dos futuros, o urbanismo, a construción de vilas máis seguras e habitábeis e, ese concepto que está por riba de todo, que é o de deixar un lugar mellor para os nosos fillos e as nosas netas».

«Temos esta Placemaking Week Europe en setembro e como queremos que sexa un evento que promocione Pontevedra e Galicia, este día 7 de xullo, ás 20 horas, faremos unha presentación no Museo Reina Sofía, pois cremos que esta é unha cita que require ter esa transcendencia», sinalou o rexedor. «Queremos animar a xente a vir, e entendemos esta presentación como outra ferramenta publicitaria máis para darlle promoción desde Madrid. Temos claro que queremos que a xente que veña a Pontevedra eses días, que xa chega cunha impresión positiva, ten que irse cunha aínda mellor».