O Concello de Pontevedra xestiona os primeiros 7,2 millóns dos fondos Next Generation

138

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a creación dunha oficina específica para a xestión dos fondos europeos Next Generation que empezan a ser concedidos ao Concello de Pontevedra. Ate o de agora o Goberno Local ten confirmado a concesión de 7.270.433,86 euros destes fondos.

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, explicou que esta nova oficina estará dirixida por un equipo municipal pero contará co reforzo de dúas persoas máis (administrativo e técnico) que se escollerán nun concurso público. Esta oficina atenderá todos os procedementos administrativos derivados da xestión dos fondos que son distintos ao resto de fondos até o de agora convocados pola Unión Europea, porque teñen uns requerimentos garantistas maiores e un tempo de execución moi curto.

Até o de agora os fondos concedidos ao Concello de Pontevedra foron:

  • Convocatoria de plans de sostenibilidade turística en destino para entidades locais: 2 millóns
  • Axudas para a elaboración de proxectos piloto de plans de acción local da Axenda Urbana Española: 200.000 euros.
  • Transformación dixital e modernización das Administracións das Entidades Locais, no marco do plan de recuperación, transformación e resiliencia: 309.735,86 euros.
  • Subvencións da Fundación Biodiversidad, F.S.P., para fomentar actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades españolas: 3.760.698 euros.
  • Mantemento e rehabilitación do Patrimonio Histórico con uso turístico. Acordo de Cooperación coa Axencia de Turismo de Galicia para a posta a disposición dos terreos e a execución da restauración ambiental do conxunto da Ribeira do Lérez desde as Xunqueiras ata as Aceñas. 1 millón.