O proxecto Pontevedra Capital Gastro, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración co sector da hostalería, comeza a darse coñecer alén das nosas fronteiras. A iniciativa xa interesa e moito aos nosos veciños portugueses e, de feito, a Câmara Municipal do Porto decidiu convidar ao Concello a protagonizar unha xornada de showcooking centrada na gastronomía pontevedresa. O escenario desta exhibición dos nosos potenciais culinarios será o restaurado Mercado do Bolhão, un dos principais focos de interese turístico e patrimonial da cidade lusa.
Esta atractiva proposta de colaboración foi abordada esta mesma mañá no transcurso dun encontro que o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, mantivo na Câmara Municipal do Porto co seu presidente, Rui Moreira, e co seu xefe de Gabinete, o professor Fernando Vasco Ribeiro (profesor de Comunicación da Universidade do Porto). A recepción, na que se trataron algúns dos principais proxectos e iniciativas que ámbalas cidades teñen en marcha, produciuse precisamente cando Moreira viña de visitar (e presentar ante os xornalistas da canle de televisión SIC) as obras de rehabilitación integral executadas no enorme edificio do Mercado do Bolhão, e nas que a Câmara lusa efectuou un investimento económico moi importante.
Non obstante, segundo Rui Moreira lle indicou a Iván Puentes, o ‘novo’ Mercado do Bolhão comezará a funcionar entre finais de agosto e principios de setembro, destinarase integramente a espazo gastro e xogará un papel estratéxico no plan que a Câmara ten de converter a súa gastronomía en marca de cidade, como xa está facendo Pontevedra. Tal e como explicou o edil socialista tralo encontro con Moreira e Vasco Ribeiro, “o proxecto Pontevedra Capital Gastro namorou ao presidente da Câmara do Porto e o seu gabinete plantexoume a organización desta xornada de showcooking centrada exclusivamente na marca gastronómica da nosa cidade e nos nosos cociñeiros”.
“A idea -sinalou o edil do PSOE- é realizar unha viaxe oficial encabezada pola concelleira Yoya Blanco, na que levaremos con nós a unha delegación de cociñeiros da cidade para que se reúnan e intercambien experiencias con cociñeiros portugueses. O ‘novo’ Mercado do Bolhão conta cun patio interior dedicado a showcooking, polo que disporemos dun escenario perfecto, polo de atracción turística internacional, para exhibir o excelente nivel da nosa gastronomía aos veciños da principal cidade do Norte de Portugal”.
Segundo avanzou Iván Puentes, “o obxectivo desta colaboración é que ámbalas cidades teñamos ocasión de promocionar a nosa gastronomía local e o traballo dos nosos cociñeiros, polo que a visita da delegación pontevedresa a Porto, prevista para o mes de setembro, terá a súa réplica cunha visita dunha comitiva de cociñeiros portugueses a Pontevedra”. O concelleiro socialista indicou que este tipo de iniciativas de promoción de Pontevedra Capital Gastro están recollidas dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Concello de Pontevedra, subvencionado con 2 millóns de euros dos fondos Next Generation, dos que 600.000 euros están reservados concretamente ao fomento da marca gastronómica pontevedresa.
En opinión de Puentes, “estamos en pleno sprint final de cara a obter o título de Capital Española da Gastronomía 2023, que estou plenamente convencido de que temos máis atractivos e potencialidades que ningunha outra urbe de España para obtelo, pero con independencia de que obteñamos ou non este galardón (o nome da cidade darase a coñecer entre os meses de outubro e novembro), o proxecto Pontevedra Capital Gastro xa logrou sentar as bases dunha axenda de eventos gastronómicos que permiten promocionar e poñer en valor a nosa cociña máis aló das fronteiras galegas”. “O traballo realizado por Yoya Blanco da man da firma Carta Blanca, da Banda de Cociñas de Pontevedra, do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza e da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) converteuse nun proxecto consolidado capaz de xerar oportunidades de negocio e futuro para a cidade a través dunha das mellores gastronomías do mundo. As posibilidades son infinitas a nivel de emprego e de turismo”, afirmou Iván Puentes.
Visita do director xeral de Capital Española da Gastronomía a Pontevedra o vindeiro martes 12 de xullo
A concelleira de Promoción Económica e Turismo avanzou hoxe que, no marco desta carreira de fondo para obter o título de Capital Española da Gastronomía, unha delegación encabezada polo seu director xeral, Pedro Palacios, visitará o vindeiro martes 12 de xullo a nosa cidade para manter encontros no Concello, onde será recibida ás 12:00 horas polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e mailo concelleiro socialista Marcos Rey. “Dada a importancia que este galardón poder ter para toda a nosa provincia -precisou Yoya Blanco-, sempre que a axenda o permita, tamén está prevista unha recepción por parte da Deputación”.