Pontevedra presenta no Raíña Sofía o Placemaking Week Europe que se celebrará do 27 ao 30 de setembro

5

O alcalde, anfitrión do acto, estivo acompañado por representantes institucionais e do urbanismo e da arquitectura interesados no modelo de Pontevedra e no evento que fará de Pontevedra epicentro do urbanismo amábel a finais de setembro. 

Pontevedra presentou onte no Museo Raiña Sofía a vindeira celebración do Placemaking week Europe que reunirá entre o 27 e o 30 de setembro a arquitectos, urbanistas e especialistas no eido urbano para abordar o futuro das cidades. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira de Promoción da cidade fixo esta presentación destacando a importancia de acoller este evento nunha cidade na que a valentía política fixo posible intervecións no espazo urbano ata acadar unha cidade pensada para a  xente.

O alcalde tamén estivo acompañado do director de Placemaking, Ramón Marrades e da directora do Instituto de saúde urbana (International Society for Urban Health), Giselle Sebag, e polo vicepresidente da Deputación de Coruña, Xosé Regueira, xa que a institución terá un papel activo no vindeiro Placemaking, destacando a importancia da cultura nas intervencións urbanas, tendo como exemplo ao Concello de Carballo no tocante á creación dos murais nas medianeiras. 

O evento estivo conducido pola xornalista, Ana Pardo de Vera e contou coa asistencia do presidente da Once Miguel Carballeda, do presidente da Casa de Galicia en Madrid ou da directora do Raiña Sofía. Tamén asistiu Joan Clos (ex-director executivo de ONU Habitat), o arquitecto e comunicador Pedro Torrijos, o director da Escola de Arquitectura de Coruña, Plácido Lizancos ou o xornalista Jesús Cintora.

Fernández Lores indicou que “moita xente se comprometeu a vir a Pontevedra” e destacou que os organizadores do evento trasladaron que “o modelo de Pontevedra chama a atención”. De feito, asegurou que “nós queremos que Pontevedra siga no calendeiro, que a xente a coñeza” e lembrou que “se poden facer cidades amables, dinámicas, atractivas, xeradoras de emprego, comercial e con de calidade de vida”.

O congreso reunirá a un gran número de profesionais en planificación urbana para abordar o urbanismo participativo e sustentable desde perspectivas diversas coma a arte, a inclusión, a saúde ou a política. Este evento desenvolveuse por vez primeira en Amsterdan en 2017 e tivo as seguintes edicións en Estocolmo, e Valencia. A edición que se celebrará en Pontevedra será a primeira tras a pandemia e terá a participación de diferentes institucións galegas e de persoas expertas de toda Europa, Asia e América.

Presentación Placemaking en Raiña Sofia 17