Unha Tetada Láctea colectiva no parque das Palmeiras o mércores 3 de agosto para reivindicar a importancia da lactancia materna en lugares públicos

65

Coincidindo coa celebración da Semana Mundial da Lactancia Materna entre os días 1 e 7 de agosto, coa finalidade de concienciar e estimular a acción en torno á lactancia materna como forma óptima de alimentar aos nosos bebés e de ofrecerlles os nutrientes que precisan co equilibrio axeitado (ofrecéndolles así protección contra as enfermidades), a asociación A Vila Láctea e a Concellería de Benestar Social impulsan en Pontevedra a celebración da I Tetada Láctea. Un evento organizado dentro do programa Proponte, co apoio da Deputación Provincial e a Concellería de Desenvolvemento Sostible, que consistirá nun acto de aleitamento colectivo que terá lugar o mércores 3 de agosto ás 18:00 horas nos xardíns do parque das Palmeiras (a carón do Monumento aos Navegantes).


O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, sinala que esta I Tetada Láctea “está dirixida a tódalas mulleres e homes que desexen unirse a unha iniciativa en pro da lactancia materna en lugares públicos, co obxectivo de reivindicar dunha equidade e corresponsabilidade nos coidados e a crianza, así como a necesidade de facilitar esta conciliación máis aló dos nove meses de adaptación ao posto de traballo que a lexislación contempla”. O edil do PSOE lembra que a Sala Valdecorvos da Casa Azul desenvolveu durante os meses de maio, xuño e xullo diversos encontros do Grupo de Lactancia organizado polo colectivo A Vila Láctea en colaboración co Concello, “unhas reunións dirixidas a mulleres lactantes e embarazadas, así como a persoas que dan apoio a lactantes ou xestantes, baixo a coordinación da farmacéutica Mar Gastañaduy, experta universitaria en lactancia materna e nai dunha nena aleitada, e a videógrafa Berta Romero, tamén experta universitaria en lactancia materna e nai de dous fillos aleitados”.


“Estes grupos de lactancia -apunta Marcos Rey- están tendo unha moi boa acollida, despertando un enorme interese, polo que a celebración da I Tetada Láctea sería a culminación do seu traballo”.
Os grupos de lactancia teñen a súa orixe nun movemento social que xurde a mediados do século XX, formado por asociacións que dan respaldo a mulleres que desexan aleitar. Trátase dun recurso para calquera nai que desexe da-lo peito, xa que supoñen un punto de encontro entre familias en situacións semellantes.