O Concello de Pontevedra estuda engadir unha parada máis para o Bus Urbano na contorna de Eduardo Pondal

32
Continuando co proceso de mellora do sistema de transporte público na vila, a nova parada buscaría ofrecer unha maior comodidade aos usuarios desta zona
A creación da mesma é posíbel logo da normalización do servizo, que logrou encaixar os tempos das liñas e podería asumir sen problemas este novo punto de recollida e baixada 

Tal e como se vén facendo nos últimos meses, o Concello de Pontevedra continúa a estudar e mellorar o servizo de transporte público na cidade. As novas liñas do Bus Urbano, que comezaron a funcionar en outubro do pasado ano, demostraron ter un funcionamento positivo e correcto, mais que debe seguir sendo optimizado. Nese sentido, a área de Mobilidade está a estudar a creación dunha nova parada na contorna de Eduardo Pondal.

O novo punto de recollida e baixada estaría situado na rúa Doce de novembro, entre as redondas da rúa Teixoxeira e Eduardo Pondal. A súa situación permitiría unha maior comodidade aos usuarios que usan este transporte, xa que ofrecería a posibilidade de coller o bus nun punto intermedio entre as paradas xa existentes na zona.

A posibilidade da instalación da nova parada é posíbel logo de comprobar como o servizo pode asumilo sen ver deteriorado a calidade deste en base aos seus tempos. Así, o correcto funcionamento do Bus Urbano e a posibilidade de cumprir os traxectos en hora permite certo marxe e dinamismo á hora de procurar novos puntos de recollida e baixada sen que se resinta neste eido o transporte.

Doutra banda, cómpre lembrar que desde o Concello continúa o traballo de optimización das liñas, recollendo as peticións dos usuarios e procurando que o servizo siga o seu camiño, detectando posíbeis fallos e corrixíndoos. Nese sentido, xa foi anunciada a creación doutra nova parada, a petición dos usuarios, na liña que conecta a cidade con Montecelo, no lugar de Moldes, no entronque entre a estrada de Pontecaldelas e a ronda Leste.