As Festas da Peregrina recuperan a normalidade total cun programa de grandes concertos, animación infantil e música pola rúa

3210
Los Planetas, Ilegales e Víctor Manuel súmanse aos artistas xa confirmados para actuaren na praza do Concello entre o 13 e o 22 de agosto
A programación das Festas  tamén inclúe pasarrúas, charangas, espectáculos pirotécnicos, verbenas en Montero Ríos e a tradicional Batalla de Flores 

As Festas da Peregrina 2022 revelaron o seu programa completo. A Boa Vila terá non só unha cita, senón unha chea delas ao longo do mes de agosto, entre o 12 e o 22 de agosto, tal e como queda recollido na programación oficial deste ano elaborado polo Concello de Pontevedra. Tal e como sinala a edil de Festas, Carme da Silva, «vai ser imposíbel non escoitar música nas rúas de Pontevedra durante estes días».

Da Silva lembra que estas Festas que están por vir serán diferentes as dos dous anos anteriores, logo de pasar o peor da pandemia e a crise sanitaria provocada pola Covid-19, deixando atrás as restricións e as limitacións de foros e recintos. Así, os grandes concertos volven sen ningún tipo de barreira á Praza do Concello, se ben «haberá unha actividade intensa e variada, con músicas cheas de alegría, ao poder retomar esa vida festiva, pois un elemento fundamental da Peregrina é poder ser vivida na rúa, non só de ir os concertos; hai que vivila na rúa, gozala nesta».

Nos días pasados, xa foron revelados varios nomes de artistas que actuarán na Praza do Concello: Zahara, Coque Malla, Fernando Costa, Treixadura, Juancho Marqués, O Pequeno Rei da Sabana e Camela; mais deben ser sumados agora Ilegales, Víctor Manuel e Los Planetas.

Os primeiros actuarán o día 20 de agosto e Los Planetas o sábado 13 de agosto. No caso de Víctor Manuel, a súa actuación vén a substituír o concerto de Bunbury, programado baixo a bandeira do Xacobeo 2022, que foi cancelado pola imposibilidade de continuar a súa de despedida. O que ía ser un concerto de pago na explanada do recinto feiral o día 12, será agora unha continuidade das Festas o día 22 de agosto, de balde, na Praza do Concello.

Porén, non son todo os concertos da Praza do Concello. Hai máis, por suposto. O escenario da Praza da Ferraría será o contrapunto perfecto, ofrecendo tamén espectáculos musicais.

O sábado 13 estarán Galifunk Brass ás 21 horas. O domingo 14, o concerto da Coral Alameda do Fogar do Maior, Coral Bella Helenes, Coral Helénica, Coral Polifónica de AC do Chopo e a Coral Airiños de Campañó. O luns 15, teremos o show Rock Circk. O martes 16, o Coro Encaixe. O mércores 17, teremos a Marcelo Dobode coa banda Primordiais. O xoves 19, actuará o tributo a Joaquín Sabina, Conductores Suicidas. O venres 20, os locais e veteranos Black Stones. Por último, o sábado 21, será a quenda de Laroá, coa súa mistura de música tradicional e jazz.

Todos os días haberá diferentes agrupacións pola rúa: charangas, pasarrúas e bandas de gaiteiros, para encher de melodía cada recuncho da cidade e propiciar un ambiente festivo. Tamén se recupera a Batalla de Flores, que verá aumentado o seu percorrido este ano, partindo de Virxinia Pereira, pasando por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Roffignac e Padre Amoedo. 

A cativada terá na Praza da Curtidoira, mantendo a idea da descentralización das actividades e a posibilidade de ocupar novos espazos públicos, diversos obradoiros e espectáculos infantís como, Puño Puñete, de Baobab Teatro, o martes 16; As minas do Rei Salomón, o mércores 17, con Teatro Ghazafelhos; Soño, o venres 19, con Troula Animación; ou Ghop!, o sábado 20, con Teatro ó Cubo.

Recollendo de novo a tradición das festas, o pregón será lido o sábado 13, ás 12 horas; namentres os espectáculos pirotécnicos acontecerán ese mesmo sábado, na media noite; o luns 15, no mesmo horario; e o domingo 21; sempre entre a Ponte do Burgo e a Ponte de Santiago, logo dunha mudanza na normativa de Portos, que impide o lanzamento desde o peirao dos Gafos, tal e como se realizou noutras ocasións. Doutra banda, cómpre sinalar que as barracas e outros postos instalados na contorna da Alameda de Pontevedra, tamén estarán presentes seguindo a tónica habitual.