Paços de Ferreira mira cara Pontevedra en busca de inspiración e ideas no modelo urbano e na transformación que propiciou

16
Unha delegación desta Cámara Municipal portuguesa visitou a cidade e compartiu tempo e explicacións técnicas sobre a evolución da Boa Vila nos últimos anos
A comitiva recibiu unha sesión divulgativa nas dependencias do Concello, para logo dar unha volta pola cidade acompañados polo edil de Mobilidade, Demetrio Gómez 

Unha delegación da Cámara Municipal de Paços de Ferreira visitou esta mañá de mércores, 20 de xullo, a cidade de Pontevedra na procura de ideas e inspiración á hora de propoñer posíbeis camiños e posíbeis futuros para o seu territorio. 

Interesados no modelo de cidade e nas características propias do urbanismo e a mobilidade na cidade, o presidente da Cámara Municipal, Humberto Brito, xunto con diferentes técnicos e responsábeis políticos portugueses, puido coñecer  de primeira man os resultados obtidos na Boa Vila ao longo destas décadas. A comitiva foi recibida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e recibiu unha sesión informativa e divulgativa do modelo da man do director xeral de Mobilidade, Jesús Gómez Viñas.

A continuación, foi realizada un visita a pé de rúa por diferentes zonas da cidade, para ver e comprobar os resultados, ademais de coñecer en primeira persoa algunhas das medidas tomadas e que poden servir de inspiración á hora de implantalas noutros lugares do mundo. Neste caso, foi o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, o encargado de guiar este paseo.

O rexedor da cidade sinalou que sempre estará «encantado» de recibir visitas desta clase, lembrando que son «moitos» os presidentes das cámaras de Portugal que queren coñecer a vila e que mesmo existe unha asociación entre cidades, de recente creación, moi semellante á de Cidades que Camiñan, da que Pontevedra forma parte e preside na actualidade. 

Pola súa banda, Brito sinalou que foi toda unha sorte visitar a cidade e coñecer deste xeito todo o traballo realizado en favor da mobilidade sostíbel e dos peóns. «É unha cidade innovadora á hora de favorecer as persoas por riba dos coches», explicou. «Nós estamos nun proceso tamén de transformación da cidade polo que queremos devolverlle o espazo público ás persoas, polo que é unha experiencia moi positiva ver dun xeito tan directo, os resultados dun proceso deste tipo».

O presidente da cámara portuguesa indicou que unha das cousas que máis lle chamou a atención da Boa Vila foi a cantidade de xente que está na rúa gozando desta, sexa paseando, falando ou calquera outra actividade; sempre con tranquilidade e dun xeito seguro, «é algo que me xera unha sensación agradábel e que me emociona».