O Concello xa está realizando as enquisas de participación cidadá previstas na elaboración da Axenda Urbana
107
Dentro destes cuestionarios tamén aparece un máis sinxelo e adaptado para a cativada da cidade co obxectivo de recoller a súa visión
Tal e como adiantou a edil de Réxime e Promoción da Cidade, Anabel Gulías, no futuro serán realizados seminarios de formación sobre a Axenda Urbana para as asociacións da cidade e os traballadores e traballadoras do Concello
O Concello de Pontevedra segue traballando na confección e creación da AxendaUrbana, un documento estratéxico e esencial para o futuro do municipio e no que a participación cidadá é parte fundamental e un proceso máis que está sendo recollido e valorado.
Como? De dous xeitos diferentes. Tal e como explica a concelleira de Réxime e de Promoción da cidade, AnabelGulías, poderíase falar dun método «convencional», no que xa foron celebradas diferentes reunións e xuntanzas para debater, expoñer e recoller propostas. «Xa mantivemos reunións co Consello Económico Social e cos consellos parroquiais e nun futuro teremos máis xuntanzas deste tipo», sinala a edil.
«Doutra banda, quixemos pular a opinión e o sentir da veciñanza dun xeito directo, un traballo que se está a desenvolver nestes mesmos días, en diferentes puntos cidade», explica Gulías, que tal como comenta, a veciñanza puido estes últimos días atopar na vila enquisadores traballando neste eido. «Cómpre facer fincapé en que tamén quixemos unha parada obrigatoria na opinión dos nenos e das nenas. Foi elaborado un cuestionario máis sinxelo para recoller a opinión das crianzas, pois cremos que é moi importante ver a cidade a través dos ollos dos cativos e as cativas».
Os lugares onde se están a levar a cabo as nomeadas enquisas son:
Zona: O Castañal / Valdecorvos / Avda. de Lugo / Pasarela / Loureiro Crespo
Zona Centro: A Peregrina / Ferraría / Benito Corbal e distintos emprazamentos da zona vella (praza Méndez Núñez…)
Zona: Mollavao / Avda. de Marín / Rosalía de Castro / Oliva
Zona Mercado: Rúa Serra / Cobián Roffignac / Cruz Vermella
As enquisas da cativada son realizadas en catro puntos: Campolongo/Pasarela/Ferraría/Palmeiras
A enquisa está composta por un total de 41 cuestións que van desde a ordenación do territorio, o modelo de cidade, o cambio climático, a mobilidade, a economía urbana a outros elementos de interese para a concepción da Axenda Urbana.
A concelleira lembra que o Concello «é consciente do liosos que poden chegar a ser este tipo de documentos estratéxicos así como a súa transmisión e importancia para a veciñanza», por iso dentro da creación da Axenda Urbana tamén está recollido a elaboración dunha serie de seminarios de formación para asociacións e agrupacións da cidade amais de para traballadores e traballadoras do Concello de Pontevedra.