Pontevedra sube unha marcha na primeira semana de agosto e encadea monólogos, actividades infantís, animación, música e maxia

889
En apenas sete días, a Boa Vila gozará con até seis ciclos distintos, con actividades diarias eclécticas e variadas, todas elas de balde e en distintos espazos

Trebellando na Alameda, Noites de monólogos, Galicia Ilusiona, Itineranta, Senda Festival e con Voz de muller configuran un comezo de mes emocionante e sen parada  

Tal e como indicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, hai unhas semanas, Pontevedra vivirá este ano «un verán sen parada». Agosto comezará cunha cantidade inxente de actividades a través de diferentes ciclos incluídos dentro da programación do verán. Unha diversidade en xénero e en forma, en número e en formato.

De entrada, até seis ciclos distintos serán encadeados ao longo dos primeiros sete días do novo mes. Un quebracabezas de eventos e citas pensadas para o gozo de todos e todas, desde os máis pequenos da casa até os que gozan coa música en directo ou o espectáculo a pé de rúa.

Así, Trebellando na Alameda aparece como un ciclo infantil de teatro, música e maxia, que terá como escenario a alameda de Pontevedra e ofrecerá un espectáculo distinto, cada día, entre o 1 e o 5 de agosto. Migallas Teatro, Adrián Conde, Grupo Expresión, Cía Trotamundos e Ollo Piollo serán os encargados de entreter ás crianzas da cidade dun xeito distinto e propio.

Noites de monólogos fai das pistas de Campolongo un espazo novo e peculiar, co obxectivo de descentralizar a programación e achegar espectáculos de calidade a todos os barrios da cidade. Nesta ocasión, a Boa Vila contará con algúns dos máximos representantes do humor galego entre o 1 e o 5 de agosto, como son: Luís Zahera, David Amor, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán e Marta Doviro. Como sempre, serán shows de balde.

Hai tempo para a maxia con Galicia Ilusiona. O martes, 2 de agosto, a praza do Concello acollerá o espectáculo de Víctor Cerro, que tamén fai do escapismo unha das súas armas á hora de sorprender e facer abrir os ollos aos presentes. Chega coa proposta Desafíos Extremos: Home Diana e Porta do inferno.

O mércores 3 de agosto volve Itineranta, o XI Festival de Animación de rúa, unha das citas máis queridas e únicas coas que conta a Boa Vila. Unha ledicia artística que enche as rúas, que esperta sentidos e que promete ser unha auténtica revolución logo da pandemia. A partir das 20 horas, entre o 3 e o 5 de agosto, diversas agrupacións ofrecerán un auténtico furacán que debe ser vivido en primeira persoa. Troula Animación, Cía Sin Fin, Yera Teatro, Animarts, Ale Hop, La Fam, Zanguango Teatro ou Hortzmuga Teatroe & Deabru Beltzk son algún dos colectivos que encherán Pontevedra de animación e sorpresas.

Entre o 5 e o 6 de agosto, a contorna do Gafos volverá ser un espazo para o ocio e o lecer a través da música que os picadiscos logran mesturar e facer saír polos altofalantes. O Senda Festival é unha proposta nova, que ofrecerá melodías desde ás 18 horas o primeiro día e desde as 12 horas o sábado. Mind Entreprise, Supernatural Project, Russs, Fiuza, Baldman, Akazie, Simona… Dúas xornadas para moverme corpo, pero tamén para gozar dun picnic nunha contorna verde e fresca.

Por último, nesta primeira semana de agosto a Boa Vila poderá vivirá o inicio dun dos ciclos máis potentes e interesantes cos que contará este verán. Con Voz de Muller comezará o 6 de agosto e durará até o día 10, ofrecendo sete actuacións distintas de tres tipos: concertos, pasarrúas e monólogos.

Afondará no talento feminino, nacional e internacional, con Pongo, Somdolila, o monólogo A Síndrome de Lis (de Rocío Barrio e Diana López Varela), Brassica Rapa, Guadi Galego, De Vacas e Ginebras.