A cantante cabo verdiana Lucibela únese ao ciclo ‘Con voz de muller’ en substitución da artista Pongo

71
A compositora angolana suspendeu toda a súa xira europea e non poderá estar o vindeiro sábado 6 de agosto na Praza da Ferraría 

A artista angolana de kuduro, rap e pop; Pongo, tomou a decisión de suspender toda a súa xira europea. Por mor desta acción, non poderá estar no ciclo ‘Con voz de muller’ que o Concello de Pontevedra ten listo dentro da programación na praza da Ferraría. 

Co fin de manter o inicio desta serie de actuacións o mesmo sábado 6 de agosto, será a cantante Lucibela a que ilumine coa súa voz o escenario deste emblemático espazo. 

Natural de Cabo Verde, a artista é definida como «unha brisa fresca que axita as flores da buganvilla e a crista das ondas», e logrou colocarse nos últimos anos como unha das principais voces novas do país de fala lusa. O seu primei álbum, Laço umbilical, é unha mostra perfecta da unión coa súa terra e un exemplo sobresaliente da súa capacidade vocal, ao tempo que explora os problemas que supón ser muller, caboverdiana e amar con sensualidade e graza.

Co fin de seguir medrando como artista, amais de atopar un equilibrio familiar e laboral, Lucibela reside dun tempo a esta parte en Lisboa. Na cidade portuguesa aprende e «non perde o seu toque», segundo ela mesma, onde de cando en vez aínda actúa nas prazas e nas rúas da capital, como facía na súa terra natal.

O ciclo ‘Con voz de muller’ afondará no talento feminino, nacional e internacional, con Lucibela, Somdolila, o monólogo A Síndrome de Lis (de Rocío Barrio e Diana López Varela), Brassica Rapa, Guadi Galego, De Vacas e Ginebras; entre o 6 e o 10 de agosto.