O Concello do Pontevedra reduciu nun 78 % o gasto de auga no baldeo das rúas e prazas da cidade

91
No caso das Festas, a edil do Ciclo da Auga, Carme da Silva, sinala que o servizo tamén recibiu ordes á hora de limitar o consumo de auga para limpeza durantes esta época do ano 

O Concello de Pontevedra continúa estudando e afondando nas medidas adaptadas para loitar contra a seca que está a vivir o municipio. Se ben o río Lérez logrou acadar certa estabilidade no seu caudal ecolóxico, é preciso seguir divulgando en materia de prevención e continuar concienciando no uso excesivo da auga, sexa a través das instalacións públicas ou das privadas.

Nese sentido, a concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, explica que neste intre, o Concello logrou reducir a cantidade de auga usada para os baldeos das rúas nun 78 %. Así, se nun verán normal eran gastados un total aproximado de 32.000 litros de auga ao día nesta actuación, agora mesmo só se están a consumir 7.000 litros de auga ao día.

Deste xeito a Boa Vila pode seguir mantendo a hixiene e a saúde pública que precisa, pero consegue aforrar o máximo posíbel en auga. Ademais, a edil deu orde ao servizo municipal para preparar as condicións de baldeo durante as Festas da Peregrina. Nese sentido, se nun ano pre pandemia os baldeos consumían uns 42.000 litros de auga ao día, sumando os manuais e os mecánicos; este ano serán reducidos nun 60 %, baixando até os 15.000 litros ao día. Unha redución drástica pero que asegura o bo estado das rúas e prazas nuns intres cun alto volume de xente e visitantes en todos os puntos da cidade.

Doutra banda, da Silva tamén sinala que o Concello ve con bos ollos a proposta da Xunta de Galicia á hora de usar a reserva de auga da canteira de Ventoxo, sempre que esa auga teña as condicións que permitan garantir o ecosistema natural do Lérez e non lle afecte de xeito negativa á vida do río, mais «cremos que pode ser unha boa proposta de continuar o estado de seca».

Ademais, a edil explicou que no uso das diferentes presas para regular o caudal ecolóxico do río tamén coincide co de Augas de Galicia, que sinalou nas últimas horas que xa eran usadas nese sentido; mais o que se pide desde a entidade municipal é que as actuacións sobre elas se fagan coa máxima precisión posíbel, aproveitando de xeito total os recursos que temos dispoñíbeis no municipio, e así garantir o abastecemento á poboación de todos os Concellos que toman auga do Lérez, amais de manter a vida deste