O Concello traballa nas medidas que aseguren o abastecemento de auga aos aboados vulnerables no caso de empeorar a situación

55
Hai identificados un total de 25 establecementos, públicos e privados, que deberían ter unha subministración de auga as 24 horas aínda con cortes na rede 

O Concello de Pontevedra continúa a traballar no eido da prevención e a preparación ao respecto da auga que dispón o río Lérez. O municipio, neste intre, mantense no estado de prealerta, onde segue a obter auga desta fonte en exclusiva, se ben xa se está a estudar a protección dos aboados máis vulnerábeis, aqueles que deberían ter garantido o abastecemento e a subministración de auga as 24 horas, en caso de se producir cortes por horas na rede.

Deste xeito, os servizos municipais traballan na actualización dos datos de contacto con cada un dos responsábeis destes establecementos e instalacións, para unha posterior coordinación permanente no caso de ser precisa. Os servizos municipais identificaron un total de 25 establecementos —públicos e privados— baixo esta etiqueta de vulnerábeis, entre centros de saúde, hospitais, centros de maiores, etcétera. Comezarán a recibir as visitas técnicas este luns.

Doutra banda, tamén se están a actualizar os datos das reservas de auga de cada instalación, é dicir, se contan ou non cun almacenamento de auga de seu, xunto co número de horas posíbeis de abastecemento con medios propios segundo o consumo medio de cada mes.

Os servizos municipais están analizando a accesibilidade dos depósitos para un posíbel reabastecemento por camión cisternas e tamén outros elementos por se puideran servir para abastecemento en momentos puntuais, no caso de pasar a unha situación máis problemática. Tamén se contempla a posibilidade de obras de urxencia para dispoñen dunha capacidade de almacenamento de auga maior ou ben aumentar as actuais.

Existe, en paralelo, un traballo técnico de ubicación destes aboados vulnerábeis no sistema de distribución para definir protocolos de sectorización na rede para, de haber cortes na subministración, manter o posíbel o servizo en determinadas zonas da área.

Sexa como for, o Concello segue amosando a súa preocupación pola seca que está a padecer o municipio, mais traballa na prevención e na análise de todos os escenarios posíbeis, adiantándose a estes e posibilitando a creación de plans alternativos que protexan a subministración de auga ás instalacións que a precisan aínda no caso de se producir cortes puntuais na rede.