Pontevedra renova o pintado de sinalización horizontal en noventa rúas este mes de agosto

24
Alén das bandas e os pasos de peóns, tamén se repasarán algunhas paradas de autobús e as prazas para persoas con mobilidade reducida
Os traballos serán realizados polas noites dos días hábiles, co fin de minimizar o impacto no día a día da cidade 

O Concello de Pontevedra acometerá este agosto o pintado de sinalización horizontal de noventa rúas da cidade, co obxectivo de manter e mellorar a seguridade viaria da cidade. Esta actuación será levada a cabo durante todo o mes, nas noites dos días laborábeis.

Cómpre lembrar que os pintados das rúas son acometidos durante todo o ano nas zonas onde se realizan obras viarias de diferente envergadura, como por exemplo en San Roque, o Burgo, Loureiro Crespo ou Monte Porreiro. Porén, é durante os meses de verán onde esta tarefa de renovación é máis intensa e visíbel.

Dentro desas noventa rúas nas que se vai intervir, a proposta dos servizos técnicos municipais, trinta serán pintadas de xeito completo, isto inclúe bandas, pasos de peóns, etcétera. Algunhas das rúas son: Ponte boleira, Monte do Taco, avenida de Marín, Cruz Vermella, Santa Teresa de Jesús Jornet, Teixoeira, Peregrina, Xoán Manuel Pintos ou Barriga Verde.

Ademais, dependendo da rúa, tamén serán repasadas algunhas paradas de autobús e as prazas para persoas con mobilidade reducida, afondando no modelo de mobilidade local, e visibilizando estes puntos de xeito claro.

Os traballos comezaron xa esta semana e continuarán ao longo de todo o mes, sempre de noite, para afectar o mínimo á vida da cidade. A empresa encargada dos traballos é API e os repintados entran dentro do propio contrato de mantemento.