David Sim, Marion Waller e Charles Landry, primeiros relatores confirmados na Placemaking Week Europe Pontevedra

93

Tamén está confirmada a presencia Cecilia Vaca Jones, Carmen Mays, Giselle Sebag, Anuela Ristani, Magdalena Kubecka e Demetrio Scopelliti

Expertos e expertas de prestixio internacional participarán neste encontro-festival arredor do espazo público e mobilidade, que se celebrará en Pontevedra do 27 ao 30 de setembro 

Do 27 ao 30 de setembro, Pontevedra acollerá a Placemaking Week Europe, un dos eventos máis importantes sobre espazo público e mobilidade que se celebran a nivel europeo e que recolle a testemuña de Ámsterdam, Estocolmo e Valencia.

Concibido como un encontro-festival arredor do espazo público, máis de 400 profesionais de distintos países participarán nesta iniciativa dirixida a compartir coñecemento, aprender doutras experiencias e tecer redes que axuden a mellorar a calidade de vida das nosas cidades. Durante os catro días do evento, levarase a cabo un debate crítico sobre catro eixes temáticos: innovación e economía creativa, burocracia creativa, o río e o verde como factores claves no deseño urbano e o desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilientes.

A través de conferencias, workshops, obradoiros, paneis, exposicións e outras actividades complementarias, serán amosadas diversas experiencias e propostas na xestión do espazo común da man de expertos e expertas de recoñecido prestixio internacional, como o experto do urbanismo amable David Sim; a urbanista e asesora da alcaldesa de París, Marion Waller; ou o asesor internacional en cidades creativas, Charles Landry.

Cidades para as persoas

Sempre fusionando a práctica coa investigación do deseño, o arquitecto escocés David Sim é autor do concepto de cidade amable, desenvolvido no libro Soft City: Building Density for Everyday Life (escrito en 2019 e traducido xa a 20 linguas). Nel propón a organización e o deseño da planificación urbana para un movemento e un confort máis fluídos, unha diversidade de tipos de edificios e un deseño reflexivo para garantir un entorno urbano e unha sociedade sostibles. Durante case dúas décadas foi socio e director creativo de Jan Gehl, que liderou o cambio de perspectiva na planificación de cidades para que sexan pensadas para as persoas. Sim é un comunicador natural, ansioso por compartir os seus coñecementos cos demais, e impartiu infinidade de conferencias e clases maxistrais. 

Marion Waller, ademais de filósofa e urbanista, é tamén asesora da alcaldesa de París. Realizou unha importante contribución á rexeneración urbana da capital francesa, traballando arredor da planificación urbana e da arquitectura e axudando a implementar a convocatoria internacional de proxectos urbanos innovadores Reinventing Paris, iniciativa que logo se exportou a outras cidades europeas.

O británico Charles Landry, membro da Academia Robert Bosch de Berlín, é un experto internacional no uso da imaxinación e a creatividade no cambio urbano. O seu obxectivo é axudar ás cidades a identificar mellores recursos e alcanzar o seu máximo potencial, mediante a inventiva e o pensamento de mente aberta. A finais dos anos 80, acuñou o termo de cidades creativas, entendidas como as que xiran en torno a cinco palabras clave para fortalecer e revitalizar a súa economía: curiosidade, imaxinación, creatividade, innovación e invención. O concepto converteuse nun movemento global que cambiou a forma na que as cidades conciben as súas capacidades e os seus recursos. Xunto ao seu socio creou o Creative Cities Index, un índice que mide e avalía o ecosistema creativo das cidades e a súa capacidade para adaptarse aos cambios globais. Esta ferramenta axuda ás cidades nas súas decisións de estratexia. A súa última publicación enfronta o paradoxo da burocracia creativa. 

A consultora da Fundación Bernard van Leer, Cecilia Vaca Jones; a emprendedora e consultora en desenvolvemento económico e comunitario, Carmen Mays; a arquitecta, urbanista e técnica de saúde pública, Giselle Sebag; a tenente de alcalde de Tirana, Anuela Ristani; a investigadora urbana e placemaker, Magdalena Kubecka; e o asesor de deseño urbano, Demetrio Scopelliti, completan este primeiro avance de relatores de renome internacional que van ofrecer as súas experiencias en Pontevedra.

Consultora da Fundación Bernard van Leer, Cecilia Vaca Jones conta con máis de 20 anos de experiencia na xestión de políticas e programas de desenvolvemento social. Ministra coordinadora de Desenvolvemento Social de Ecuador entre 2013 e 2016, puxo en marcha, entre outras moitas, políticas intersectoriais de infancia, incorporando ás persoas traballadoras domésticas non remuneradas ao sistema da seguridade social, erradicando o traballo infantil nos vertedoiros e novas leis sobre a etiquetaxe dos alimentos para axudar ás persoas a tomar decisións informadas sobre a súa nutrición. 

Ademais de fundadora e CEO de Elevators, Carmen Mays é administradora pública e emprendedora con máis dunha década de experiencia no sector público comprometida co desenvolvemento económico e comunitario. Foi seleccionada para a Clase Upstate 2015 do Instituto de Liderado da Diversidade no Instituto Riley da Universidade de Furman e o Programa de Desenvolvemento de Líderes Emerxentes de ICMA. Tamén asistiu a Hábitat III, a Conferencia das Nacións Unidas sobre Vivenda e Desenvolvemento Urbano Sostible en Quito, Ecuador.

A arquitecta, urbanista e técnica de saúde pública estadounidense, así como directora executiva da Sociedade Internacional de Saúde Urbana (International Society for Urban Health, ISUH) Giselle Sebag é outras das relatoras xa confirmadas na Placemaking Week Europa Pontevedra. Especialista no desenvolvemento de cidades saudables e sostibles, leva máis dunha década traballando a nivel mundial na intersección do urbanismo e da saúde pública. Urbanista apaixonada e líder innovadora, conta con máis de quince anos de experiencia asesorando a gobernos, organismos multilaterais, ONGs e empresas dos sector privado para desenvolver cidades sostibles, inclusivas e resilientes que promovan e melloren a saúde dos seus residentes.

Mellores cidades

O programa contará coa voz experta de Anuela Ristani, tenente de alcalde de Tirana (Albania). Encargada de Asuntos Internacionais e Desenvolvemento Sostible, ingresou no concello de Tirana en 2015 como xefa de gabinete, e foi nomeada deputada tras as eleccións de 2019. Supervisou o Plan de Acción Cidade Verde, a axenda Tirana Friendly Child e as estratexias de resiliencia e sustentabilidade. Antes de incorporarse ao goberno local, estableceu o Servizo Nacional de Xuventude onde cofundou RYCO, a Oficina Rexional de Cooperación Xuvenil coa participación dos seis países dos Balcáns occidentais. Incorporouse ao servizo público tras máis dunha década de experiencia en organizacións internacionais onde exerceu como experta en xestión estratéxica e comunicacións.

Investigadora urbana, placemaker e educadora, Magdalena Kubecka dirixe a Fundación On-site en apoio aos barrios, ás asociacións de veciños, aos gobernos locais e ao empresariado na mellora dos espazos públicos urbanos das cidades polacas. Activista en Varsovia, loita polo transporte sostible, a accesibilidade a pé e os espazos públicos para as crianzas. Así mesmo, é membro do consello editorial de Cities Magazine, unha publicación trimestral centrada nos desafíos aos que se enfrontan as cidades de todo o mundo con especial atención á rexión centroeuropea. Magdalena imparte conferencias sobre estudos urbanos e cofundou a Iniciativa Como funciona a cidade, enfocada na educación sobre a vida das cidades.

Por último, pero non por iso menos importante, tamén participará o director da Axencia de Mobilidade, Ambiente e Territorio de Milán (AMAT) Demetrio Scopelliti. Como arquitecto que ama as cidades, o seu traballo é dar forma a mellores cidades, que el ve como pezas de arte colectivas feitas pola xente e para a xente, a través do tempo. A súa investigación e estudo céntrase na condición urbana contemporánea e nas tendencias futuras. Cre na arquitectura e no deseño urbano como ferramentas para a innovación e o cambio. Como observador urbano e creador de lugares, está fascinado polo deseño urbano que afecta ao comportamento das persoas e a vida social, especialmente nas rúas e nos espazos públicos. Ao mesmo tempo, preocúpalle a forma en que a mobilidade urbana afecta á habitabilidade e á calidade do entorno urbano, e insiste en que as cidades deben estar deseñadas para as persoas, non para os coches.