A Vida é Movernos fusiónase co MetroSán para fomentar o exercicio físico e os hábitos de vida saudables a través de 15 camiñadas pola rede de sendeiros urbanos e periurbanos de Pontevedra

156

Unha proposta de 15 camiñadas pola rede de sendeiros do MetroSán, que se porán en marcha o 29 de agosto e que se desenvolverán durante todo setembro, será un dos pratos fortes que conforman a oferta de actividade física e lecer programada pola Concellería de Deportes para os vindeiros meses no marco do proxecto A Vida é Movernos. A través desta iniciativa municipal preténdese dar a coñecer o MetroSán entre a cidadanía e fomentar os hábitos de vida saudables e o exercicio físico para todos, con rutas sinxelas, sen grandes desniveis e accesibles na súa meirande parte, que se prestan a ritmos e medios diferentes (pódense completar camiñando, correndo ou en bici), que están sinalizadas e que ademais dispoñen de tótems con táboas de exercicios de quecemento, forza e estiramento.


A proposta foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que participaron o coordinador das Camiñadas do MetroSán, Ricardo Angueira, licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidade de Vigo e especialista universitario en Marcha Nórdica, e mailo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen subliñou que se trata dunha iniciativa “innovadora dentro do panorama galego e do Estado español” e que sitúa á actividade física “como un elemento fundamental para potenciar a saúde física e a mental”, permitindo “recuperar a alegría, volver a reunirnos, vernos e desfrutar da compañía da xente e superar esta fase final da pandemia, que aínda está entre nós e aínda nos causa dor”. 


Fernández lembrou que A Vida é Movernos é un proxecto que xurdiu hai xa máis dun ano “coa idea de fomentar hábitos de vida saudables, recuperar o espazo público para volver vernos, sentirnos, animarnos a saír da casa despois da pandemia que nos mantivo pechados, loitar contra a tristeza e a depresión e, sobre todo, facer actividade física”. Tal e como indicou, a proposta presentada supón “unha fusión entre A Vida é Movernos, que é un dos proxectos máis ilusionantes deste mandato, con outro dos proxectos que marcan un rumbo dentro da cidade e que a sitúan como un modelo a imitar, tamén no que se refire ao fomento dos hábitos de vida saudables, que é o MetroSán”. “Hai uns meses -lembrou o tenente de alcalde- puxemos en marcha unha serie de rutas urbanas e periurbanas, de carácter practicamente accesibles en tódolos casos, interconectadas entre si, que bordean a cidade, que suman máis de 80 kilómetros e que agora queremos aproveitar para seguir fomentando a actividade física. Animo a xente a que se anote e participe, inscribíndose a través do teléfono 629 031 905 ou do email info@marchanordicagalicia.com“.


Segundo precisou Ricardo Angueira, “as rutas que imos realizar son accesibles para a grande maioría da poboación, cunha distancia media de entre 6 e 7 kilómetros, e están pensadas para que poida participar o maior número posible de persoas”. O experto universitario indicou que entre os espazos que percorrerán as camiñadas inclúense os contornos do río dos Gafos, a Xunqueira do Alba, a Illa das Esculturas, o río Lérez ou os parques forestais de A Tomba, A Fracha e O Pontillón, incluíndose dentro da actividade “unha pequena introdución ao adestramento autónomo a tódolos aqueles que participen, xa que as rutas do MetroSán están sinalizadas cunha serie de fitpoints con exercicios de resistencia, forza, flexibilidade e mobilidade articular”.


“Van ser sesións moi completas, ás que se lles pode sacar bastante proveito. A idea é que, unha vez finalizadas, as persoas que participen poidan seguir desfrutando destes roteiros, xa con información que lles permita seguir levando a cabo os seus adestramentos semanais, tanto de resistencia como global de todo o corpo”, asegurou Angueira.


Os días das camiñadas serán os luns, mércores e venres, iniciándose ás 19:30 horas e prolongándose durante unhas dúas horas.