A Feira Franca regresa logo de dous anos sen poder ser celebrada co Lérez como protagonista e coa Boa Vila expectante

675
As rúas e prazas da cidade vivirán de novo esa combinación de gastronomía, ocio, animación e música onde traballarán máis de vinte agrupacións e asociacións de xeito directo
O venres 2 de setembro será iniciada a actividade festiva, cos pregoeiros e o espectáculo
O Lérez na Ferraría; e o sábado 3 de setembro Pontevedra fará mergullo no seu pasado medieval 

A nova de ter que dar, dous anos seguidos, que a Feira Franca non podía ser celebrada na cidade foi unha «das que máis traballo nos deu, pois sabemos que é unha festa que marca o final do verán, o inicio do outono e na que participan de forma directa ducias de colectivos e agrupacións». Así será este ano, un 2022 no que volve ser celebrada a Feira Franca, e no que haberá Feira Franca. 

Xa anunciado no seu momento, o protagonista —a temática— deste ano será o río Lérez, un feito que semella coller aínda máis forza coa situación de seca que atravesa o municipio, e que resalta a importancia desta fonte de auga para a cidade. «Somos conscientes, máis que nunca, do papel do río Lérez para o desenvolvemento de Pontevedra e mesmo de todos os concellos da comarca. Xa pensabamos no 2020 que debía ser o protagonista, pero non podiamos nin imaxinar até que punto falaríamos do Lérez na nosa vida cotiá. É unha homenaxe máis que merecida», explica a edil de Festas, Carme da Silva.

Alén desta temática, cómpre lembrar que a Feira Franca alcanza a súa XXI edición, recobrando toda a forza e todo o esplendor que nos últimos anos chegou a ter. Un evento masivo, a pé de rúa, onde se xuntan diversas e variadas propostas: gastronomía, ocio, música, animación, artesanía… Un conxunto de elementos que fan posíbel que a Boa Vila mude de tempo e de idade, unha festa na que toda a veciñanza participa e que durante xornada e media fai mergullo no pasado.

Este ano, a Feira Franca comezará o venres 2 de setembro cos pregoeiros a cabalo anunciando o comezo da mesma polo centro histórico, sobre as 19 horas. Un anaco de tempo despois, ás 22 horas, iniciarase o espectáculo inaugural da man da compañía Pablo Méndez Performance na Ferraría e que, segundo o indicado polos propios artistas, lograrán «facer falar ao río».

O día seguinte, o sábado 3, será a xornada grande, unha das máis importantes para Pontevedra, tanto no eido do ocio como no económico. «Se algo é a Feira Franca é o contacto, a socialización e a participación de moitísima xente, tanto da que vén a gozar dela, como a que participa na súa organización», comenta Da Silva. «Hai máis de 20 agrupacións e asociacións que farán actividades nas distintas prazas e nas rúas».  

A continuación pode ser consultado o programa completo: 

https://feirafranca.pontevedra.gal/

Dentro das novidades deste ano, está a instalación do enorme castelo medieval na avenida Raíña Vitoria, para liberar o paso na praza do Concello, na procura dunha maior comodidade para todo o mundo. Ademais, sendo o río o protagonista, tamén haberá actividades neste, cunha exhibición de embarcacións tradicionais, entre a ponte do Burgo e a ponte das Correntes. Ademais, na mesma ponte do Burgo será instalada unha mostra tradicional e attrezzo mariñeiro. 

A edil de Festas quixo facer fincapé na autonomía da Festa e na ilusión que demostra a cidade por ela, pois logo de dous anos «houbo moita renovación nas mesas de particulares». A día de hoxe hai 183 mesas particulares para comer e cear, sendo 25 delas novas por grupos que nunca solicitaran xantar nas rúas e nas prazas. No referido a hostalaría, un total de 116 solicitaron a instalación de mesas; namentres que foron solicitados 92 postos entre artesanía e alimentación.