Os pequenos Barrendeiros do Lérez retiraron este verán máis de 120 kilos de residuos do leito do río ‘peiteando’ as súas augas sobre táboas de paddle surf

90

O contorno natural do río Lérez converteuse durante as últimas semanas nun espazo aínda máis limpo grazas ao labor realizado polos 36 pequenos e pequenas que participaron no programa municipal Barrendeiros do Lérez, enmarcado dentro dos campamentos de sensibilización e educación medioambiental organizado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural en colaboración coa firma especializada Urban Culture Factory. En grupos de 8 a 11 rapaces con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, estas sentinelas medioambientais ‘peitearon’ diversas zonas do río sobre táboas de paddle surf, retirando das súas augas e fondos máis de 120 kilos de residuos: uns 20 kilos de metais, entre os que se atoparon con sinais de tráfico, valados de obra, ferramentas ou aparellos de pesca; uns 40 kilos de plásticos recoñecibles (botellas, bolsas, embalaxes, carteis…), e uns 60 kilos de materiais varios sen clasificar (cordas, mascarillas, teas…).


A implicación dos pequenos traduciuse ademais nun enorme grao de concienciación e compromiso ambiental pola súa banda ao finalizar estes talleres, coordinados polos monitores Fernando Ezequiel, Alejandro Tendero e Esther Duthu-Millon. O balance da retirada de residuos foi realizado esta mañá na praia fluvial do Lérez polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, coincidindo coa última xornada do programa, na que o propio edil socialista subiu á táboa de paddle surf e botou unha man aos nenos nas tarefas de recollida e retirada de restos e lixo.


Tal e como subliñou Puentes, “esta actividade que chamamos Barrendeiros do Lérez combina por unha banda deporte, vencellado ao paddle surf, e pola outra unha actividade medioambiental nun dobre sentido: contribuír a manter máis limpo o noso principal río, retirando o lixo que nos atopamos durante estes meses, e o que é máis importante, sensibilizar aos veciños máis novos e novas de Pontevedra sobre a importancia deste ecosistema que temos no centro da cidade e en boa parte do concello”. “Este ano -indicou o concelleiro do PSOE- houbo un éxito tremendo de participación e as prazas esgotáronse xa o primeiro día que saíron publicadas, o que amosa que existe un enorme interese e aceptación deste tipo de actividades (de feito, trátase de campamentos semanais pensados para 8/9 rapaces e algunha semana participaron ata 11). O balance da campaña de recollida en si tamén foi un éxito rotundo, retirándose máis de 120 kilos de residuos de diferente tipoloxía do leito do río. Rematamos este programa e este mes de agosto cun Lérez máis limpo e, sobre todo, cunha xeración de pontevedreses e pontevedresas máis sensibilizados con este contorno”.


Iván Puentes asegurou que o río Lérez “está sendo xa o epicentro da xestión da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, xunto co río dos Gafos, aínda que queda moito por facer e, por ese motivo, estamos a traballar en importantes proxectos de cara ao seguinte mandato municipal para rexeneralo e integralo definitivamente na cidade e para que se converta nun espazo natural mellor conservado e con maior biodiversidade e nun espazo de lecer integrado no día a día de tódolos pontevedreses e pontevedresas”.