O Lérez continúa a baixar o caudal á espera das chuvias previstas para a madrugada do domingo

2

Pontevedra e os concellos da ría permanecen en situación de prealerta, pero a capital reduciu a súa captación do sistema nun 10% dende mediados de xullo. 

Carme da Silva explicou que as medidas de contención do consumo están a funcionar, especialmente as relativas ao doméstico, regos e limpezas, entre outros. 

O Concello de Pontevedra volveu convocar esta mañá a reunión de seguimento do caudal do río Lérez, no que estiveron presentes todos os concellos que captan do río así como Augas de Galiza. A concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva explicou esta mañá que o caudal do río baixou a 1,23 m/s (a pasada semana estaba en 1,45) segundo dos datos do sistema de aforos da Xunta de Galicia “e é previsible que baixe aínda”, pero existen previsións de chuvia de cara á noite do sábado que podería mellorar a situación actual.

Ao respecto do consumo do sistema tamén continúa en descenso fixándose no día de hoxe a 36.320m3 diarios, cando no inicio da prealerta estaba en 37.000, é dicir un 1,8%. No Concello de Pontevedra, a redución do consumo fíxase nun 10% dende que comezaron a facerse as medicións semanais. Pasou de 15.270 m3 a 13.748.

Carme da Silva explicou que estes valores “demostran nas medidas de regos e limpezas, e especialmente no consumo doméstico e outros usos está habendo unha contención importante do gasto de auga”.

“As previsións meteorolóxicas cambiaron. Prevese a entrada dunha borrasca para este fin de semana, na madrugada do domingo. Será unha borrasca que vai traer unha cantidade de auga importante. De cumprirse as previsións, o caudal do río subirá bastante e teremos que ver logo como evoluciona o mes de setembro e o caudal do río”, indicou Carme da Silva.

Tamén confirmou que as presas augas arriba da captación do Lérez “están cheas. E estas chuvias tamén subirán o Pontillón que está ao 81%. Se se cumpren as previsións de chuvia de cantidades importantes de auga, tamén subiría”, afirmou a concelleira.

Aínda que as previsións son boas, Pontevedra continúa en situación de prealerta por iso Carme da Silva continuou facendo un chamamento á redución do consumo “sempre hai que facer un consumo de forma responsable pero máis nesta situación”. Tamén adiantou que se tomará unha medida extraordinaria na Feira Franca: non estender palla pola rúa porque tería dous problemas: “habería que baldear para retirala o que suporía un gasto fríbolo de auga e coa previsión de chuvia a palla podería atascar os sumidoiros. Parécenos o máis razoable e responsable”.