O alcalde visita a nova ponte sobre o río Reigosa que permitirá abrir o acceso á Peralba na parroquia de Marcón

14

A actuación no lugar da Peralba ten un custe próximo aos 600.000 euros e supón a rehabilitación da estrada que conecta o núcleo coa PO-532. 

Para instalar a nova ponte sobre o río Reigosa houbo que pechar o acceso durante dous meses, pero dende o xoves permitiranse pasos puntuais fóra de horario de traballo para dar un mellor servizo á veciñanza. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro responsable da parroquia de Marcón e coordinador do rural, Alberto Oubiña visitaron esta mañá os traballos de acondicionamento do acceso á Peralba dende a PO-532 que supón a instalación dunha nova ponte sobre o río Reigosa, afluente do Almofrei. Os traballos van a bo ritmo e permitirán abrir puntualmente a estrada a partir do xoves, 8 de setembro, para facilitar a entrada e saída ao núcleo integrado por unhas 25 vivendas.

O proxecto consiste nunha actuación duns dous quilómetros nos que se pavimentará toda a vía fresando e saneando os tramos nos que se ten detectado “pel de crocodilo” (unha serie de fisuras interconectadas na superficie do pavimento), incorpórase recollida de pluviais, calmado de tráfico en toda a vía e bandas de protección de dobre onda. 

O traballo de maior envergadura é a rehabilitación da ponte sobre o río Reigosa, unha demanda da veciñanza dende hai anos e que supuxo retirar a vella ponte e instalar unha nova, desviando previamente a canle de auga e cortando o tráfico na estrada dende o mes de xullo. 

Esta fase da obra xa está executada polo que se poderá abrir a estrada puntualmente a partir deste xoves, 8 de setembro. De feito, para continuar coa reforma permanecerá pechada de luns a venres en horario de 09.30 a 13.30 e de 15.30 a 19.00 horas. Este horario permitirá o paso do bus escolar así como aos veciños e veciñas poder saír para traballar e regresar as súas vivendas por esta estrada.

O investimento municipal para esta última reforma na Peralba é de 564.248,34 euros. O alcalde recordou que o investimento realizado neste mandato neste lugar da parroquia de Marcón “sae a unha porcentaxe altísima por habitante”, porque supera os 900.000 euros, pero tamén aclarou que “queremos que os veciños vivan no rural porque, de non ser así, estariamos rodeados de monte por todas partes. E a propia cidade interésalle que haxa xente no rural, porque así estará coidado un pouco máis”.

Macrocontrato de investimento no rural 

O proxecto deste lugar de Marcón inclúese dentro dunha licitación máis grande que proxecta melloras en sete parroquias:

  • Campañó (de Carballiños a Ferreiros). O proxecto xa está iniciado coa execución de muros de contención, reforzo dos mesmos e ampliación da calzada no lugar de Sabarís. 
  • Mourente (do Pazo a Carabelos). O proxecto xa está iniciado polo lugar do Pazo con canalizacións de pluviais e a reparación de diferentes puntos así como as conexións das acometidas de auga ás vivendas que estaban aínda pendentes. 
  • Lérez (no Ramallás) 
  • Canicouva 
  • Ponte Sampaio (no acceso a Cacheiro desde as Laceiras) 
  • Lourizán (No Rial, A Meán e rúa Liñares)

Este macrocontrato está sendo executado pola empresa COVSA por 2.495.311,40 euros e un prazo de execución de dez meses. A licitación do proxecto foi de 3.065.493,12 euros.