Pontevedra consolidarase o vindeiro mes como potencia internacional da loita olímpica coa celebración duns campionatos do mundo que traerán á cidade a unhas 1.800 persoas

31
  • Os últimos flecos do evento foron analizados esta mañá no Concello nunha reunión do comité organizador presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e na que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Española de Lucha, Javier Iglesias; o presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal; o adestrador autonómico Pablo Pintos, responsable da organización, e técnicos de Concello e Federación

Pontevedra consolidarase o vindeiro mes como potencia internacional das loitas olímpicas coa celebración duns campionatos do mundo que traerán ás Rías Baixas a unhas 1.800 persoas (arredor de 1.100 deportistas cos seus respectivos equipos e staff organizativo) e que deixarán catro euros de investimento privado por cada euro destinado polas distintas administracións públicas implicadas. Os datos, que poñen de manifesto a enorme relevancia económica que este evento de primeiro nivel suporá para a cidade, en especial para os sectores da hotelería e o turismo, foron achegados tras unha reunión do comité organizador destes campionatos que se desenvolveu esta mañá na Sala de Comisións do Concello, que estivo presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e na que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Española de Lucha, Javier Iglesias; o presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal, e o adestrador autonómico Pablo Pintos, responsable da organización, así como técnicos do Servizo Municipal de Deportes e da Federación.


Tal e como explicou o rexedor municipal durante a comparecencia posterior ao encontro, que serviu para analizar os últimos flecos das competicións, a nosa cidade albergará estes mundiais no Pavillón Municipal dos Deportes (contando coas instalacións do Recinto Feiral para pesaxes e xantares dos loitadores) entre os días 10 e 23 de outubro. “O Campionato de Loitas Olímpicas Sub 23 (do 15 ao 23) -apuntou Lores- desputarase en categorías Feminina, Grecorromana e Libre Olímpica e vai ter un engadido que serán os campionatos de Grappling e Grappling Gi (do 10 ao 15 de setembro) en categorías Sub 17, Sub 20 e Absoluta, o que significa que na práctica teremos seis campionatos do mundo. Vai ser o evento internacional de loitas olímpicas co maior número de participantes, e isto a pesar de que temos a desgracia dunha guerra e os deportistas rusos e bielorrusos, que suporían uns 200 competidores máis, non van vir”.


Segundo subliñou o alcalde, a meirande parte desas 1.800 persoas que estarán en Pontevedra durante os 13 días de campionatos aloxaranse en hoteis da cidade, “pero hai tamén un grupo que estará no Campionato do Mundo Sub 23 que o fará en establecementos de Sanxenxo, porque non cabían aquí”, polo que “estamos a atraer xente á provincia de Pontevedra fóra da tempada estival e, polo tanto, unha actividade económica importante”. “Este campionato é o resultado doutros que se organizaron en Pontevedra con éxito e, quen sabe, do Sub 23 podemos pasar ao Absoluto”, vaticinou Fernández Lores.


Loitadores de 80 países diferentes

O presidente da Federación Española de Lucha precisou que o noso país é unha potencia mundial na modalidade de grappling e, ao non estar Rusia presente, “España pasa a ser a principal potencia”, e destacou a Pontevedra como “un dos berces do noso deporte, que máis apoio presta ás loitas olímpica e, agora, ao grappling, con precedentes como o Campionato de Europa de 2019 e novos eventos xa pechados como o Campionato do Mundo que se desputará en 2024”. Javier Iglesias indicou que nos torneos participarán loitadores duns 80 países distintos e amosouse convencido de que, despois do acontecido aquí no europeo de 2019, “este evento será con seguridade un éxito”.


O deputado Gorka Gómez afirmou que “unha vez máis estamos de parabéns, porque de novo Pontevedra acolle un evento deportivo de importancia mundial e iso fala ben da colaboración entre administracións e entre federacións internacionais, nacionais e autonómicas”, xa que se trata dun acontecemento “complexo” a nivel organizativo, no que hai unha elevada demanda de servizos e de instalacións de certas dimensións. O socialista tamén fixo fincapé no feito de que estes campionatos teñan lugar “nunha época diferente á que se soen facer tódolos eventos deportivos, o que é importantísimo a efectos de desestacionalizar o turismo”. “Na Deputación estamos apostando polo turismo deportivo, xa que cremos que é unha das patas da recuperación económica. Varios concellos do contorno de Pontevedra e das Rías Baixas vanse beneficiar dun evento desta magnitude”.


O presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal, agradeceu especialmente o inxente labor silencioso que desenvolven os técnicos das federacións, o Concello e a Deputación para sacar adiante estes campionatos, xa que “sen eles non serían posibles”, mentres que o responsable da organización, Pablo Pintos, asegurou que a simbiose entre federacións e administracións vaise traducir en que “Pontevedra pode facer historia a nivel mundial, porque a cidade vai ser o epicentro mundial das loitas olímpicas durante 15 días co evento máis importante que está no calendario internacional”. “Isto non o conseguiu ninguén, ningunha das cidades máis importantes e grandes que organizan eventos, xa falemos de Budapest, Bakú ou París. Só o conseguiu Pontevedra ata o día de hoxe. Por cada euro que inviste a Administración Pública, hai catro euros de investimento privado, a maiores do que vaian gastar as persoas que nos visiten. O retorno económico para a comarca e a área de influencia de Pontevedra é moi importante, tanto para os hoteis como para as empresas que montan o evento ou as de transportes”, salientou Pintos.