E.C.Casas adxudicataria da reforma da vía perimetral e do traslado do transformador do colexio de Barcelos

60

A obra ten un custe de máis de 1,9 millóns de euros e ten unha clara vocación peonil. Tamén inclúe a retirada do transformador de Fenosa das instalacións do centro de ensino para sacalo cara a praza. 

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra acordou a adxudicación da primeira fase da reforma da praza de Barcelos (actuación nas vías perimetrais) á empresa E.C.Casas por 1.941.347,81 euros. Dende este momento, inicíase o proceso de sinatura do contrato que se poderá demorar ao arredor dun mes.

O proxecto de reforma da praza de Barcelos comezará, polo tanto, neste ano cunha actuación nas vías perimetrais da zona leste, sur e oeste da praza (até o colexio). O ámbito de actuación desta fase é de 7.768,44 m2.

Esta primeira actuación ten unha clara vocación peonil, outorgando ao peón máis espazo, e favorecendo as conexións con Benito Corbal e Cobián Roffignac, San Antonio e Perfecto Feijoó. En definitiva, pretende mellorar os itinerarios peonís entre o centro urbano co Centro Galego de Tecnificación Deporte (CGTD – Estadio da Xuventude) e os bordos do Lérez.

O proxecto consiste en ampliar as beirarrúas para favorecer a mobilidade peonil, así como conectalas visualmente co espazo central da praza. Por iso, a zona peonil esténdese a un dos carrís e favorece o tránsito peonil e a actividade dos locais comerciais.

O tráfico quedará limitado a un carril, e tamén se reducirán as prazas de estacionamento perimetral.

As beirarrúas estarán conectadas con pasos de peóns sobreelevados feitos en formigón armado.

Na zona leste os pasos estarán, máis ou menos, nos mesmos lugares que os pasos de peóns actuais. Na zona sur estarán nas zonas de entrada das rúas que conectan con Benito Corbal buscando unha conexión máis visual, e na parte suroeste estará todo elevado á cota do paso de peóns.

Nesta primeira fase tamén inclúe un patio de asfalto puído diante do colexio de tal xeito que se poida seguir empregando como patio de xogos até a execución da segunda fase na que xa se contempla un lugar de esparexemento para os nenos e nenas.

Como mellora da obra (asumida economicamente pola adxudicataria) está o traslado do transformador que se atopa dentro do colexio de Barcelos a fóra da instalación. Esta obra ten un custe de 176.714,53 euros.