Promoción Económica celebra o sorteo dos 28 vales de 70 euros que os agraciad@s poderán gastar ata o 20 de outubro nos comercios adheridos á campaña Volta ao Cole 2022

40
  • A concelleira Yoya Blanco sinala que as persoas cuxo boleto resultou premiado serán contactadas unha a unha por vía telefónica para trocalo nalgún dos 400 establecementos locais participantes nesta iniciativa para axudar ás familias a afrontar os gastos do inicio do curso escolar e incentivar as compras no comercio de proximidade

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, celebrou esta mañá no Concello de Pontevedra o sorteo dos 28 vales de 70 euros que os ‘elixid@s’ terán ocasión de trocar ata o 20 nalgún dos 400 establecementos locais adheridos á campaña Volta ao Cole 2022 (a lista completa pode consultarse neste enlace https://www.pontevedra.gal/2022/08/25/a-campana-volta-ao-cole-2022-alivia-o-regreso-as-aulas-sorteando-28-vales-de-70-euros-entre-os-clientes-do-comercio-local/). A propia Blanco, acompañada de Marga Caeiro, coordinadora desta iniciativa para axudar ás familias a afrontar os gastos do inicio do curso escolar e incentivar as compras no comercio de proximidade, fixo de man inocente para retirar un a un os boletos gañadores de entre os numerosos que, durante os días 1 e 20 de setembro, se foran depositando no buzón instalado na entrada principal do Mercado de Abastos.


Segundo explicou a edil do PSOE, “aquelas persoas que resultaron agraciadas serán contactadas unha a unha a través do teléfono que deixaron anotado nos boletos (sacouse algún de máis como reserva, no hipotético caso de que non se logre contactar ou se rexeite o premio)”. Esta IV edición da Volta ao Cole incluíu a distribución de 400 unidades de cartaces para que os establecementos as colocaran visibles nos escaparates e de 40.000 boletos en paquetes de 100 unidades, que foron entregados en cada compra e depositados polos portadores no buzón da Praza de Abastos.


Yoya Blanco lembrou que “a campaña ten o obxectivo de aliviar a carteira dos clientes do comercio de proximidade e de animar á cidadanía pontevedresa a mercar tódolos seus produtos esenciais para este inicio do curso nos establecementos de proximidade. Non obstante, quedaron fóra da campaña as grandes cadeas, franquías, supermercados, froiterías, tendas de alimentación en xeral, profesionais da perruquería e da estética, empresas de servizos, hostalería e restauración e todos aqueles profesionais que non realicen venda de produtos.