A Placemaking Week Europe vestirá de arte urbana o barrio de San Antoniño a través dunha colaboración coa Deputación da Coruña

54
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá de mércores o proxecto de transformar unha medianeira do barrio pontevedrés nun mural artístico

A acción parte dunha colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Carballo, dentro do programa oficial da cita internacional sobre urbanismo que comezará a semana que vén 

O barrio de San Antoniño contará en poucos días cunha intervención artística de primeiro nivel. A medianeira do edificio que fai esquina entre a rúa San Antoniño e a rúa Altamira pasará a ser un mural artístico que lle dará ao lugar un aspecto renovado e innovador.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse até o lugar acompañado do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o artista encargado da transformar a fachada deste edificio, Miguel Peralta —cómpre sinalar, que no mural tamén traballará Xoana Almar, ambos os dous membros da cooperativa Cestola na Cachola—, ao igual que fixo noutros puntos da xeografía do país —en Pontevedra, por exemplo, participou no pintado do pombal da Alameda—.

A actuación artística parte como unha colaboración financiada pola Deputación da Coruña e o Concello de Carballo, exemplo habitual á hora de amosar o poder de cambio que estes murais teñen na contorna urbana, dentro do marco da Placemaking Week Europe, na que participarán ambas as dúas administracións, e que se iniciará a semana que vén na cidade de Pontevedra.

Miguel Peralta sinalou que os traballos de pintado comezarán o luns e durarán entre catro e cinco días, tendo total liberdade creativa á hora de decorar  este espazo. 

O alcalde agradeceu a proposta da Deputación coruñesa e o traballo de Cestola na Cachola, amais da do propietario do edificio ao permitir a creación deste novo punto artístico nun barrio que nos últimos tempos logrou atraer novas propostas e establecementos comerciais de ocio, cultura e educación, como a Escola Bonobo, Culebra Estudio, Alquimia ou Percalandia. 

«É sempre unha sorte estar en Pontevedra, nunha vila tan ben coidada e cun urbanismo exemplar para todo o mundo», sinalou Regueira. «Esta é unha oportunidade pola nosa banda para demostrar o que estamos a facer nese sentido de mellora dos nosos ámbitos urbanos, coa transformación dos espazos urbanos a través de arte, reivindicando o talento e a beleza, mais tamén o traballo e a creatividade da xente que se adica á arte pública por todo o mundo».