Desenvolvemento Sostible e Visit Pontevedra distribuirán 3.000 árbores de balde entre os asistentes ao Río Verbena Fest para compensar a pegada ecolóxica do festival e implicar á cidadanía na loita contra o cambio climático

117
  • A iniciativa impulsada polos concelleiros Iván Puentes e Yoya Blanco no marco do proxecto Pontevedra Flúe contempla o reparto de 600 carballos comúns, 500 bidueiros, 500 castaños, 500 arces, 200 alcornoques e 200 cereixeiras

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e Turismo de Pontevedra, patrocinadores do festival Río Verbena Fest, distribuirán 3.000 árbores de balde entre os asistentes a este evento, que se celebrará o sábado 24 de setembro, co obxectivo de compensar os efectos do seu impacto ambiental e implicar á cidadanía na loita contra o cambio climático. A iniciativa para paliar a pegada ecolóxica dos espectáculos musicais, impulsada polos concelleiros socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco no marco do proxecto Pontevedra Flúe en colaboración coas empresas Esmerarte e Maldita Sed (promotoras do festival), contempla o reparto de 600 carballos comúns, 500 bidueiros, 500 castaños, 500 arces, 200 alcornoques e 200 cereixeiras.


Esta proposta foi anunciada por Puentes e Blanco esta mesma mañá a carón da faraónica carpa instalada sobre os antigos terreos de Tafisa (na avenida de Bos Aires), con motivo dunha visita realizada en compañía dos responsables das firmas organizadoras. Tal e como apuntou o edil de Desenvolvemento Sostible, “o Río Verbena Fest é un evento que vai marcar un antes e un despois na programación festiva e de lecer da nosa cidade, porque é o único dos que temos en Galicia, e realmente no conxunto do Estado, que aúna música coa sensibilidade na loita contra o cambio climático e a protección do medio ambiente, e por ese motivo, o Concello aproveita a ocasión para distribuír entre tódolos asistentes que acudan a este evento 3.000 árbores, que máis aló de seren un agasallo bonito, están destinadas a neutralizar a pegada ecolóxica e as emisións de CO2 á atmósfera que este festival, como calquera outro, vai producir”.


Á marxe desta iniciativa, Iván Puentes subliñou que os materiais empregados nas instalacións e loxística do Río Verbena Fest “son ecolóxicos”, con “vasos reutilizables”, o que o configura como un evento que “xurde con ese espírito de sensibilización e de chamamento á cidadanía sobre a necesidade de loitar contra o cambio climático e de protexer os nosos ecosistemas e, particularmente, estando a carón do río Lérez, dos nosos contornos fluviais, algo que empata perfectamente coa estratexia de Pontevedra Flúe que comezamos a desenvolver”. “De aí esta doazón de árbores -engadiu o concelleiro do PSOE- e esta petición de colaboración a tódolos asistentes para que cada un, plantando a súa árbore, dean lugar a unha plantación de 3.000 árbores coas que teñamos unha cidade e un contorno que neutralice as emisións de CO2 deste evento, ao tempo que loite contra as consecuencias do cambio climático, neste caso en forma de control dos choques térmicos que xa se están a producir en Pontevedra e noutros puntos de Galicia”.


Iván Puentes aproveitou a ocasión para convidar a tódolos pontevedreses a asistir a un festival no que, a partir das 17:30 horas do sábado e ata a madrugada, actuarán Thom Archi, Maikel Delacalle, Sila Lua, Dj More Amore, Villano Antillano, Dj G. Rich, Ayax, Dj N.Skillzz, Hijos de la Ruina e Groove Amigos.