Pontevedra converterase o vindeiro mes en referente nacional do agility coa celebración de dúas competicións que contarán coa elite canina ibérica e cos prestixiosos xuíces internacionais Alen Marekovic e Carlo Fazio

93
  • Os trofeos Cidade de Pontevedra e Bo Cidadán Canino, impulsados polas concellerías de Benestar Animal e de Promoción Económica, terán lugar no Recinto Feiral e serán puntuables para o Campionato de España da Real Sociedade Canina (Rsce)

A nosa cidade converterase o vindeiro mes en referente nacional do agility coa celebración de dúas competicións que contarán cos cans máis áxiles e intelixentes da Península Ibérica e cos prestixiosos xuíces internacionais Alen Marekovic, de Croacia, e Carlo Fazio, de Italia. Así, as instalacións do Recinto Feiral acollerán a fin de semana do 1 e o 2 de outubro o Trofeo Cidade de Pontevedra e a do 22 e 23 de outubro o Trofeo Bo Cidadán Canino, Boa Cidadá Canina, ámbolos dous organizados polo Club Agility Patas e as concellerías de Benestar Animal e Promoción Económica en colaboración coa Sociedade Canina Galega e puntuables para o Campionato de España da Real Sociedade Canina (Rsce).


Tal e como acontecera en anteriores competicións realizadas no noso concello, nos campionatos estarán presentes cans e adestradores que foron campións nacionais de Agility en anos anteriores e participantes en mundiais. Tanto o Cidade de Pontevedra, cuxo xuíz será Alen Marekovic, como o Bo Cidadán Canino, que terá como xuíz a Carlo Fazio, desenvolveranse en diversas categorías e graos, os sábados 1 e 22 en horario de tarde, a partir das 15:30 horas, e os domingos 2 e 23 de mañá, a partir das 9:30 horas, nunhas pistas de céspede artificial Juta Grass modelo Play Confort, especial para agility.


Os eventos foron presentados esta mañá no Concello nunha comparecencia na que participaron os concelleiros de Benestar Animal e de Promoción Económica, os socialistas Marcos Rey e Yoya Blanco, e mailo presidente da Sociedade Canina Galega, Agustín Fontán. Segundo precisou Marcos Rey, “en cada xornada dos campionatos, trala presentación da documentación e as medicións, competirán por orde os Grao 1, Grao 2 e Grao 3 de Agility e, posteriormente, os Grao 2 e Grao 3 de Jumping”.


O edil do PSOE aclarou que o agility “é un deporte consistente en guiar aos cans para que percorran un circuíto cheo de obstáculos no menor tempo posible e co mínimo número de erros ou faltas”, no que o animal debe “entender os sinais verbais, sonoros e xestuais do seu guía, que terá que decidir as estratexias a seguir combinando velocidade e precisión”. Tal e como apuntou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “en función da categoría na que compitan os cans, os circuítos teñen entre 15 e 22 obstáculos e os guías dispoñen duns sete minutos para memorizar o percorrido antes do inicio das probas, que son absolutamente espectaculares”. 
Blanco destacou a importancia destas probas, “puntuables para o Campionato de España da Rsce e que sempre xeran actividade económica e retorno ao seu redor, con moita xente que vén participar nas mesmas, que pode coñecer a cidade e regresar”.


Segundo precisou Agustín Fontán, os trofeos desenvolveranse “sobre a moqueta da Sociedade Canina Galega, que todo o mundo quere correr nela porque é tal vez a mellor que existe en España para facer agility e que puidemos transportar ata aquí grazas ao Concello”. “O agility encántalle a todo o mundo, engancha, e ten un retorno económico bastante importante. Xa temos asegurados participantes dos catro puntos cardinais de España (xa hai inscritos de País Vasco, Cataluña, Andalucía e Galicia) e tamén de Portugal. O Recinto Feiral é espectacular para facer as probas e está ademais dentro da cidade. Pontevedra achega todo o necesario para a organización destas probas. Animo a todo o mundo a vir a desfrutar dos trofeos e a aplaudir aos cans, sobre todo aos galegos, para lograr que queden aquí os premios. A entrada será de balde grazas ao Concello, o que é algo de valorar, porque en moitos sitios cobran verdadeiras barbaridades”, afirmou Fontán.


Pola súa banda, Marcos Rey apuntou que a Concellería de Benestar Animal leva todo o mandato “apostando forte polos nosos cans, poñendo en marcha o proxecto Bo Cidadán Canino, organizando cursos de educación canina para as nosas mascotas e veciños (os diplomas do último curso entregaranse coincidindo con estes eventos), e isto é un paso adiante máis nesa dirección”. O socialista asegurou que estas competicións converterán a Pontevedra “en epicentro nacional do agility, con xuíces de renome internacional e a presencia de colectivos que traballan co Concello, como Os Palleiros (que xestiona a protectora), DivertiCans, Adicam, Difusión Felina ou Huellas Felinas”. “Queremos que sexa unha festa do benestar animal -avanzou Rey-, e que a xente desfrute”.


Dous xuíces cun currículo extraordinario

O presidente da Sociedade Canina Galega destacou o espectacular currículo dos xuíces que se encargarán de revisar que cada pista se realice no tempo establecido e de valorar as faltas ou erros do guía ou do can. Non obstante, o croata Alen Marekovic, que foi adestrador do equipo nacional do seu país desde 1997 ata 2015 e que ten os cargos de presidente do Comité de Agility croata e de vicepresidente do Comité da Federación Cinolóxica Internacional (FCI), obtivo os títulos de campión no European Open de 2006, subcampión no de 2002 e campión por equipos no Mundial de Alemania de 2006, con dous cans. Pola súa banda, o italiano Carlo Fazio é xuíz da FCI desde 2018 e foi medalla de prata no European Open en dúas ocasións e segundo no World Agility Open na categoría de Jumping Biathlon.


A organización da competición rexerase polo regulamento e as normas de agility da Real Sociedade Canina de España (Rsce), que, entre outras cuestións, impide levar calquera tipo de elemento nas mans ou tocar aos cans e aos obstáculos. Os percorridos organízanse en pistas oficiais que deben ter unhas dimensións mínimas de 20 por 40 metros, cunha lonxitude de entre 100 e 200 metros.


O concepto de agility para cans naceu en 1977, cando se propuxo a creación dunha actividade de entretemento diferente para o público que acudía a ve-las exposicións caninas en Inglaterra. A idea baseouse nas competicións de hípica.

Dentro do agility existen tres categorías: S ‘Mini’ (pequena), para cans con menos de 35 centímetros de altura á cruz; M ‘Midi’ (mediana), para os que teñen 35 centímetros ou máis e inferiores a 43 centímetros, e L ‘Standard’ (grande), para os de 43 ou máis centímetros. Asemade, divídense en tres graos: Grao I, considerado o nivel básico ou elemental; Grao II, que corresponde a unha dificultade media, e Grao III, que constitúe o máximo escalafón da modalidade de Agility Rsce.