Universidade e Concello renovarán o seu convenio para o desenvolvemento de actividades culturais e educativas na cidade

21
  • A vicerreitora do campus mantivo unha reunión cos concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes, na que tamén se abordou a colaboración en iniciativas da Concellería de Desenvolvemento Sostible

A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva Lantarón, mantivo este xoves unha xuntanza cos concelleiros de Promoción Económica, Turismo e Universidades, Yoya Blanco, e Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, dirixida a afondar en diferentes vías de colaboración entre a institución académica e o Concello de Pontevedra. Entre outras cuestións, o encontro serviu para reafirmar a vontade das dúas institucións de renovar en 2023 o convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e tecnoloxías que a Vicerreitoría e a Concellería de Promoción Económica impulsaron en 2021 e co que continúan no presente ano.

“Por suposto, seguimos adiante co convenio asinado coa Universidade de Vigo e que este ano xa se traduciu na celebración de numerosas actividades”, salientou Blanco tras a xuntanza celebrada na Casa das Campás. Lantarón, pola súa banda, salientou o positivo de “continuar esta liña de colaboración, coa sinatura dun novo convenio” que permita “seguir promovendo actividades que redundan no beneficio tanto da comunidade universitaria como do conxunto da cidadanía”. Nese senso, a vicerreitora puxo o acento na importancia que ten para a UVigo “a colaboración e o traballo conxunto con institucións como o Concello”, que contribúen “a que a Universidade teña unha maior presenza na cidade de Pontevedra”.

Acompañada polo director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, Lantarón explicou que ademais de para acordar a renovación dun convenio “que redunda no beneficio da Universidade e da sociedade” e que fixo posible o desenvolvemento de numerosas actividades culturais e formativas abertas á cidadanía, esta reunión serviu tamén para abordar a colaboración da Universidade en diferentes proxectos impulsados polo Concello. Nese senso, a vicerreitora destacou tamén o interese de “explorar vías de colaboración en cuestións medioambientais“ coa Concellería de Desenvolvemento Sostible.

Zonas verdes e proxectos ambientais

A xuntanza, que serviu como “primeira toma de contacto” tras o nomeamento de Lantarón como vicerreitora, serviu nese senso para tratar outra serie de “temas pendentes” entre a institución académica e estas dúas concellerías. No referido á área de Desenvolvemento Sostible, abordouse a asunción do mantemento das zonas verdes do campus, que estará recollida no convenio co Concello para a construción do skate park. Neste punto, Puentes puxo en coñecemento da vicerreitora o estado de tramitación do novo contrato de parques e xardíns, que unha vez se formalice permitirá que a administración local asuma dito mantemento. 

Asemade, tal e como sinalou Puentes, “abordouse tamén a colaboración da UVigo en diversos proxectos ambientais, como o que permitirá restaurar o ámbito do río dos Gafos desde a avenida de Vigo e o barrio de Campolongo ata a súa desembocadura e a integración da Universidade no xurado que decida o proxecto gañador do concurso de ideas internacional que se vai convocar”. Neste mesmo eido, explicou o concelleiro, falouse da “boa disposición” da institución académica para colaborar coa “estratexia Pontevedra Flúe de recuperación de leitos fluviais e zonas verdes anexas”, coa idea “aproveitar todo o coñecemento que a Universidade ten en torno aos seus grupos de investigación e a oportunidade que lle dá a cidade á UVigo de transferir ese coñecemento e de plasmalo en actuacións concretas que redunden en beneficio da cidade”. 

Por outra banda, no referido á colaboración coa Concellería de Promoción Económica, Blanco agradeceu a predisposición da vicerreitora a “apoiar a candidatura de Pontevedra a Capital Española de Gastronomía 2023”, a través dunha carta de respaldo.