O Campionato de España de Marcha Nórdica reunirá mañá na Illa das Esculturas a 137 deportistas de 11 comunidades autónomas

56
  • O evento, organizado polos clubs de montañismo Aromón e Xesteiras en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación e a Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, incluirá a celebración do I Open Caixa Rural Galega de Marcha Nórdica, unha proba popular na que participarán outras 51 persoas

Un circuíto de 3.100 metros que discorrerá polo fermoso escenario natural da Illa das Esculturas e ao que deberán dar cinco voltas agarda mañá aos 137 deportistas de 11 comunidades autónomas que participarán no Campionato de España de Marcha Nórdica Iberdrola 2022, organizado polos clubs de montañismo Aromón e Xesteiras en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación, a Xunta e a Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (Fedme). O evento, que supón o segundo campionato nacional que se celebra en Galicia (o anterior foi en Coruña), incluirá ademais a celebración do I Open Caixa Rural Galega da disciplina, unha proba popular na que tomarán parte outras 51 persoas.


A competición, que contará cos equipos de Galicia, Castela e León, Madrid, Valencia, Navarra, Murcia, Baleares, Canarias, Euskadi, Andalucía e Aragón e que manterá a paridade de deportistas masculinos e femininos (a maioría xente de mediana idade), foi presentada esta mañá na sede de Turismo Rías Baixas, nun acto protagonizado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a presidenta do Club Aromón Montañeiros A Roelo, Carmen Iglesias; e o vocal de Marcha Nórdica do Club de Montaña Xesteiras, José Gil, así como o seleccionador galego de Marcha Nórdica, Nacho Iglesias; o xefe do Servizo Provincial de Deportes, Daniel Benavides, e representantes de Caixa Rural Galega.

A presidenta de Aromón asegurou que “é un orgullo ter en Pontevedra, nesta acolledora cidade, a 11 seleccións autonómicas que van practicar esta nova modalidade de deporte da Federación de Montaña e Escalada”, ao tempo que agradeceu ás diferentes administracións e entidades colaboradoras e aos voluntarios o seu traballo para facer posible este Campionato, que se desenvolverá nun circuíto moi valorado, tanto pola súa paisaxe e distintos tipos de chan como polo seu desnivel. O vocal de Marcha Nórdica de Xesteiras amosouse “encantado” de poder organizar esta proba “man a man” con Aromón, “cun resultado que quedou moi redondo, moi bonito, e nun deporte que a xente vai descubrindo pouco a pouco, pero ao que se enganchará”. “O circuíto -destacou José Gil- é incrible. Todo o mundo que o coñece nos di que se puxo á altura dos mellores de España”.


Segundo subliñou Tino Fernández, “a provincia de Pontevedra é probablemente a que máis competicións de alto nivel é capaz de xestionar ao longo dun ano de toda España, e iso é posible entre outras cousas, primeiro porque en Pontevedra temos unha teima co deporte, e tamén pola colaboración que se establece entre tódalas administracións”. “Estamos orgullosos de que a cidade sexa unha referencia -apuntou o edil do PSOE- a nivel nacional e internacional na xestión e organización de grandes eventos deportivos. Cando iniciamos o proxecto A Vida é Movernos, unha das primeiras actividades que organizamos foi un taller de Marcha Nórdica en colaboración coa Facultade de Ciencias do Deporte e a Asociación Española Contra o Cancro (Aecc), que tivo un éxito espectacular, e agora, o mes que vén, imos repetir ese taller. Estou convencido de que este Campionato vai ser un éxito de visibilización dun deporte que está calando moi rapidamente entre a poboación”.


O deputado provincial Gorka Gómez salientou a importante aposta da Deputación polo turismo deportivo, con eventos como este, “que van congregar aquí a 11 seleccións e máis de 180 participantes, que poñen en valor territorio e que establecen esa sinerxía da que sempre falamos entre economía, turismo e deporte”. “Hai que agradecerlles aos organizadores e ás federacións que pensaran en Pontevedra para estas competicións. Animo á xente a que participe, xa que é un deporte accesible a toda a cidadanía, que vai ir cada vez a máis e que está agora mesmo de moda”, apuntou o socialista.


Compromiso para organizar un Campionato Galego

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte comprometeuse co seleccionador galego, Nacho Iglesias, “a organizar o primeiro Campionato Galego de Marcha Nórdica, xa que tamén nós temos que emprender”. “É o segundo Campionato de España -lembrou José Ramón Lete-, o ano pasado foi na Coruña, cun montón de seleccións. Aínda que din que esta disciplina a inventaron os finlandeses, un estudante finlandés que fixo unha tese doutoral, se hai un lugar que saiba disto, ese é Galicia, porque xa dicía Goethe que se fixo Europa camiñando a Compostela, e moitos peregrinos fan o Camiño cos bastóns de marcha nórdica. Por iso, comprométome a que o ano que vén presentemos o Campionato Galego de Marcha Nórdica”.