O primeiro parque de xogos de auga da cidade comezará a construírse en outubro e porá a semente inaugural da revolución verde e azul da estratexia Pontevedra Flúe

91
  • O proxecto para crear esta singular área de lecer a carón do río Lérez, no parque Rosalía de Castro, foi adxudicado a empresa Vortex Estruturas Acuáticas SL cun orzamento de 375.000 euros e o prazo de execución das obras será de dous meses e medio desde o seu inicio
  • As actuacións, impulsadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, incluirán a creación dunha zona de xogos infantís tradicionais cun grande castelo de madeira e tres pórticos de bambáns e a incorporación de diferentes tipos de difusores e chorros distribuídos en zonas pensadas para as familias e para nenos e nenas de tódalas idades

O primeiro parque de xogos de auga da cidade comezará a construírse no vindeiro mes de outubro, unha vez que a empresa adxudicataria Vortex Estruturas Acuáticas SL presente a documentación administrativa e os correspondentes plans de seguridade e riscos laborais, e suporá o chanzo inaugural da revolución verde e azul impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible a través da súa estratexia Pontevedra Flúe, destinada a renaturalizar os nosos ríos e contornos naturais e loitar contra os efectos do cambio climático. O proxecto suporá un investimento de 374.640,05 euros e traducirase na creación dunha singular área de lecer dotada de chorros, difusores e elementos pensados para as familias e para nenos e nenas de tódalas idades no parque Rosalía de Castro, na ribeira do río Lérez que discorre polo Paseo de Rafael Areses (entre as pontes de Santiago e Os Tirantes), así como nunha área de xogos tradicionais realizados en madeira de robinia presidida por un grande castelo.


A intervención contempla ademais unha mellora paisaxística de todo este contorno adxacente ao Pazo da Cultura, con cores naturais perfectamente integrados na zona verde, novo mobiliario e espazos de confort e unha proposta enerxéticamente eficiente e sostible, coa instalación dunha chamativa iluminación con luminarias led de baixo consumo. Segundo constata o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “á hora de adxudicar esta actuación tivéronse moi en conta os criterios de deseño, as solucións técnicas, as posibilidades de xogo e a capacidade (cantidade de rapaces que poden xogar ao mesmo tempo) dos elementos, tanto no que atinxe aos xogos de auga como aos ‘tradicionais’, así como as numerosas melloras ofertadas por Vortex: o prazo de execución dos traballos redúcese dos catro meses recollidos no prego de condicións a dous meses e medio; o prazo de mantemento proposto é de 48 meses, o máximo recollido no prego, e a incorporación de numerosos xogos e elementos complementarios en ámbolos parques”.


“O elemento estrela deste proxecto -explica o edil do PSOE-, que é o parque de auga, disporá dunha enorme cantidade de funcións de xogo, con diversos tipos de difusores, chorros e formas de auga (de elementos con texturas de auga suave a outros con maior caudal de auga, interactivos e con efectos visuais) que se distribuirán en tres áreas esencias: unha zona de xogo en familia, unha para os máis pequenos e outra para nenos de máis idade”.


Entre os elementos propostos por Vortex inclúense activadores que permitirán activar a secuencia de auga dos xogos e que controlarán o consumo de auga, axudando a reducir o gasto innecesario; unhas Led Lights de cores vermello, verde, azul e branco cálido puro que crearán impresionantes efectos de iluminación e que estenderán as horas de uso; canóns Tube con rotación de 360º; un arco Spray Loop que xerará unha suave bruma de auga; uns soportes Helio 6, con seis chorros xiratorios para crear chaparróns refrescante, e Helio 3, con tres chorros para xerar unha nube de choiva; un xogo táctil para nenos Pico 2, con texturas únicas e un pivote acuático interactivo para iniciar ou deter o caudal de auga, e brazos Silhouette No1 cun cativante efecto de campá de auga. Tódolos xogos de auga estarán fabricados para ter unha gran durabilidade e resistir condicións ambientais desfavorables e actos vandálicos, empregándose materiais como o aceiro inoxidable e o cobre, tratándose con pinturas especiais e montándose con parafusos antivandálicos.


Tal e como lembra o concelleiro Iván Puentes, “o tratamento da auga levarase a cabo mediante un sistema automático de depuración formado por unha bomba de filtración, un filtro de area e equipos de dosificación, aplicándose un filtrado e unha achega de produtos químicos que garantan que estea en condicións de cloro, PH e limpeza para un baño totalmente seguro; un controlador químico realizará lecturas da calidade da auga, enviando estas lecturas a un ‘autómata’ e detendo a bomba no caso de que esta non cumpra cos parámetros establecidos”. 


Un castelo e xogos semellantes aos que existen no parque das Palmeiras


O edil de Desenvolvemento Sostible explica que o parque de xogos infantís ‘tradicionais’ que se creará a carón do de xogos de auga “terá como peza máis chamativa un enorme castelo que, como o resto dos elementos que o conformarán, estará construído en madeira de rubinia e acabado en cores naturais, polo que toda esta área de lecer estará perfectamente integrada no contorno natural, algo que tamén se tivo moi en conta á hora de valorar a proposta de Vortex e que encaixa na filosofía da estratexia Pontevedra Flúe”. “Este parque -subliña Iván Puentes- tamén disporá de tres pórticos de bambáns variados, desde o bambán-cesto ata outros para nenos con diversidade funcional ou problemas de mobilidade (como un carrusel). Entre as melloras que ofertou a empresa adxudicataria tamén se contemplan un circuíto de redes e xogos motrices e de equilibrio, do estilo dos que existen no parque infantil das Palmeiras, pero todos en madeira de robinia, cun acabado natural e u nivel absoluto de integración no contorno. En resumo, as posibilidades de xogo que haberá no parque Rosalía de Castro serán infinitas”.


Tódolos xogos estarán fabricados segundo a Norma Europea EN1176, con aceiro inoxidable, e dotados dun sistema de protección de pés para evitar que esta parte do corpo poida danarse ao xogar. A superficie da zona de xogos de auga terá unha lixeira pendente para evitar a formación de charcos (do 1 ao 2% cara os sumidoiros de recollida de augas). O pavimento das áreas húmidas executarase con materiais impermeables, imputrescibles e resistentes a produtos químicos de tratamento de auga, coa finalidade de impedir a formación de fochas e a proliferación de microorganismos. Tamén será anti escorregóns en estado húmido, para previr esvaróns dos usuarios, e cunha rugosidade que non moleste ou fira as plantas dos pés descalzos.