Benestar Social impulsa unha Xornada de Convivencia na que rapaces e familiares da Fundación Secretariado Xitano e o colectivo Sendeirismo Mourente visitarán a Base das Brigadas Helitransportadas do Campiño

53
  • A saída, enmarcada dentro programa Proponte e das Xornadas de Portas Abertas da Fundación Secretariado Xitano, desenvolverase o vindeiro mércores 28 de setembro entre as 16:00 e as 20:00 horas

No marco das iniciativas promovidas pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra a prol da incorporación social dos colectivos máis vulnerables, o departamento que dirixe o socialista Marcos Rey decidiu impulsar unha Xornada de Convivencia en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano e o colectivo Sendeirismo Mourente. A actividade, desenvolvida baixo o paraugas do programa de apoio ás asociacións do terceiro sector Proponte, destinado á creación, consolidación e traballo en rede das entidades sociais de Pontevedra, terá lugar o vindeiro mércores 28 de setembro, entre as 16:00 e as 20:00 horas, e consistirá nunha saída na que un grupo de rapaces e rapazas e os seus familiares poderán coñecer a Base das Brigadas Helitransportadas do Campiño.


Segundo explica Marcos Rey, “trátase dunha visita cun alto interese pedagóxico, que terá un carácter familiar e interxeracional, xa que a rapazada estará acompañada de familiares e que se enmarca dentro da celebración das Xornadas de Portas Abertas da Fundación Secretariado Xitano”. “Ámbalas entidades traballan a reo para acadar a plena integración e esta non é a primeira vez que a Fundación colabora con Sendeirismo Mourente, xa que en anteriores ocasións desenvolveron roteiros didácticos cunha moi boa aceptación por parte do colectivo xitano”.