A Concellería de Promoción Económica pon esta tarde en marcha nas instalacións de Aselp Consultores un Curso de Deseño de Carteis e Novas Tecnoloxías

13
  • A formación, na que están inscritas 15 persoas, terá unha duración de 40 horas teórico-prácticas e outras 40 de prácticas non laborais titorizadas en empresas e abordará os módulos de Atención ao cliente e novas tecnoloxías, Canva, Adobe Illustrator e Fotografía de produto

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, porá esta tarde en marcha, a partir das 16:30 horas, un Curso de Deseño de Cartelería e Novas Tecnoloxías destinado a fomentar o emprendemento e aumentar o potencial dos negocios do noso municipio. A formación, enmarcada dentro do programa ‘Desafío 2022. Comercio, turismo e hostalería de Pontevedra’ e organizado en colaboración coa firma especializada en servizos avanzados de consultoría e formación Aselp Consultores, conta con 15 persoas inscritas, terá unha duración de 40 horas teórico-prácticas e outras 40 de prácticas non laborais titorizadas en empresas e abordará a Atención ao Cliente con Medios Dixitais, a Fotografía de Produto e o control dos programas de deseño Adobe Illustrator e Canva.


A acción formativa será impartida en modalidade presencial nas instalacións que Aselp ten no número 7 da Travesía da Eiriña (unha aula de 50 metros cadrados equipada con cadeiras, mesas, proxector, ordenador portátil e pantalla de TV grande) e desenvolverase entre hoxe e o venres 7 de outubro en horario de 16:30 a 20:30 horas. Segundo sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “este curso busca promover a igualdade de oportunidades desde a perspectiva empresarial e reforzar o potencial dos beneficiarios en sectores económicos de gran relevancia neste municipio, destinándose tanto a persoas traballadoras ocupadas, ás que se lles ofrecerán competencias técnicas profesionais específicas relacionadas cos sectores da hostalería e o turismo, como a persoas desempregadas en busca activa de emprego que desexen mellorar a súa empregabilidade ou atopar novas saídas profesionais”.