Benestar Social e Down Pontevedra Xuntos colaboran nun Programa de Adquisición de Autonomía e Habilidades Sociais e Persoais dirixido a persoas con discapacidade intelectual en etapa educativa

22
  • As actividades desenvolveranse entre o 3 de outubro e o 26 de xuño e destínase a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 8 e os 21 anos cun certificado de discapacidade no que conste un grao superior ou igual ao 33% que non teñan un recurso en asociacións de discapacidade específica existentes en Pontevedra ou concellos limítrofes
  • O obxectivo do programa é dotar ás persoas usuarias dos apoios necesarios para aumentar a autonomía en tódolos ámbitos da vida, traballando en pequenos grupos que combinarán adestramento na aula con prácticas na rúa

Dotar a persoas con discapacidade intelectual dos apoios necesarios para aumentar a autonomía en tódolos ámbitos da vida (persoal, social, educativo e familiar), traballando aspectos físico, afectivo, cognitivo, comunicativo, social e de inclusión escolar, é o principal obxectivo do Programa de Adquisición de Autonomía e Habilidades Sociais e Persoais impulsado pola Concellería de Benestar en colaboración co colectivo Down Pontevedra Xuntos. As actividades formativas, dirixidas exclusivamente a rapaces e rapazas cun certificado de discapacidade no que conste un grao superior ou igual ao 33% que estean en etapa educativa (con idades comprendidas entre os 8 e os 21 anos) e que non teñan un recurso en asociacións existentes en Pontevedra ou concellos limítrofes, desenvolveranse entre o 3 de outubro de 2022 e o 26 de xuño de 2023, traballando en pequenos grupos que combinarán adestramento na aula con prácticas na rúa (tódolos luns, en horarios de 16:30 a 18:00 e de 18:00 a 19:30 horas).

Con este programa preténdese previr a dependencia, mediante a prestación dos apoios estritamente imprescindibles e creando aquelas oportunidades necesarias para que os usuarios poidan formar parte de comunidade, seguindo sempre criterios de normalidade. Tal e como avanza o concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, “a adquisición das habilidades partirá de actividades sinxelas, que se irán facendo máis complexas en función da idade e da competencia persoal dos participantes, traballándose de xeito específico aquelas áreas nas que a persoa precisa mellorar, diminuíndo os niveis de dependencia persoal e axudando a potenciar a inclusión social”. “A aprendizaxe -explicou o edil do PSOE- estará guiada por profesionais vencellados laboralmente con Down Xuntos, en coordinación coa súa responsable técnica”.

Entre os obxectivos específicos do programa inclúense:

  • Mellorar a capacidade de comunicación, que posibilite a participación en conversas, e as habilidades para a interacción social.
  • Mellorar o coñecemento do entorno habitual e próximo, adquirindo e desenvolvendo as condutas necesarias para desprazarse segundo necesidades concretas.
  • Potenciar o coñecemento e utilización de mecanismos axeitados para dar e obter información sobre servizos e actividades da comunidade.
  • Mellorar o desenvolvemento da autonomía no fogar, aprendendo a realización de múltiples tarefas, secuenciadas en pequenos pasos para facilitar a súa aprendizaxe e potenciar a autorregulación das mesmas.
  • Intervir coas familias das persoas usuarias do programa.
  • Medir a satisfacción dos axentes implicados no programa.

Os seus contidos serían os seguintes:


1. Autonomía persoal e social: esta área ten como finalidade que o/a usuario/a adquira repertorios de conduta que lle axuden a asistir, participar e integrarse na comunidade, mellorando a capacidade de comunicación que posibilite a participación en conversas e as habilidades para a interacción social necesarias para establecer e manter relacións interpersoais.

Actividades: identidade; responsabilidade da saúde, hixiene e vestido; actuación ante imprevistos; habilidades sociais básicas; habilidades sociais de relación e comunicación; habilidades afectivo sexuais; habilidades socio-laborais; etc.

2. Autonomía urbana e na comunidade: nesta área, a finalidade é que o/a usuario/a coñeza o seu contorno habitual e próximo, adquira e desenvolva as condutas necesarias para desprazarse segundo as súas necesidades concretas; coñeza e utilice mecanismos apropiados para dar e obter información sobre servizos e actividades da comunidade; e adquira outras destrezas da vida cotiá na comunidade.

Actividades: desprazamento autónomo e no transporte público; manexo dos servizos; manexo da información; etc.

3. Autonomía doméstica: a finalidade desta área é que o/a usuario/a desenvolva a súa autonomía no fogar aprendendo a realización de múltiples tarefas, secuenciadas en pequenos pasos para facilitar a súa aprendizaxe e potenciar así a autorregulación da propia actividade.

Actividades: responsabilidade nas tarefas do fogar; alimentación; etc.

4. Habilidades instrumentais básicas: transversalmente traballaranse todas aquelas habilidades instrumentais básicas que son necesarias para a participación na comunidade, de xeito totalmente práctico e significativo para a actividade.

Actividades: manexo do euro; orientación temporal-espacial; manexo das novas tecnoloxías; etc.