Benestar Social e Xoga porán en marcha o 8 de outubro na Casa Azul un Curso de Lingua de Signos de nivel básico no marco do programa municipal Comunico

68
  • A actividade formativa será de balde, desenvolverase os sábados en horario de 10:00 a 13:00 horas, ata o día 3 de decembro, e está destinada a persoal do Concello e á poboación en xeral, cun límite de 15 prazas
  • As preinscricións poderán realizarse a través do enlace https://apuntate.pontevedra.gal/  e terán preferencia os familiares directos de persoas xordas e con perda auditiva, os usuarios de Servizos Sociais e as persoas desempregadas, sendo imprescindible estar empadroado/a no concello de Pontevedra

No marco do programa municipal Comunico, co que se pretende superar as limitacións invisibles que cada día se lle impoñen ás persoas con diversidade sensorial e defender a equidade, a accesibilidade universal, a inclusión e a comunicación sen límites, a Concellería de Benestar Social e o colectivo Xoga (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia) desenvolverán un Curso de Lingua de Signos de nivel A1.1 (básico) entre os días 8 de outubro e 3 de decembro. Trátase dunha formación de balde destinada ao propio persoal da Concellería e á poboación en xeral, cun límite de 15 prazas, e para a que terán preferencia á hora de inscribirse os familiares directos de persoas xordas e con perda auditiva, @s usuari@s de Servizos Sociais e as persoas desempregadas, sendo imprescindible estar empadroado/a no concello de Pontevedra.


O curso terá lugar os sábados pola mañá, en horario de 10:00 a 13:30 horas, na Sala Valdecorvos da Casa Azul (rúa Sor Lucía, 4) e a preinscrición poderá realizarse a través da enlace https://apuntate.pontevedra.gal/ a partir deste venres 30 de setembro (ata o 4 de outubro). Tal e como indica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “aquelas persoas que sexan aceptadas para participar no curso, deberán entregar posteriormente a correspondente documentación de cara a confirmar a súa praza: DNI, certificado de empadroamento, tarxeta de demandante de emprego e tarxeta de discapacidade ou algún documento acreditativo da mesma”.


“A Lei 27/2007 recoñece a Lingua de Signos Española e o seu dereito a ser empregada en calquera contexto (medios de comunicación, centros educativos, centros sanitarios…), aumentando o seu emprego e estudo, polo que, a través do programa Comunico e en colaboración con Xoga -subliña o edil do PSOE-, seguimos a implementar unha serie de accións para garantir a accesibilidade e a máxima equidade. Neste contexto, o curso que imos desenvolver co colectivo que preside María Jesús Monterde converterase nunha importante ferramenta integradora e necesaria para a eliminación das barreiras de comunicación”.