O Concello de Pontevedra publica as listas de admitidos nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) 2022-2023

166
  • A relación xa pode consultarse na páxina web do Servizo Municipal de Deportes (https://deportes.pontevedra.gal/), na que aparecen por unha banda o listado das disciplinas que non precisaron sorteo e, por outra, o listado dos deportes nas que foi necesario realizar un sorteo, coa correspondente lista de agarda

O Concello de Pontevedra publicou esta mañá na páxina web do Servizo Municipal de Deportes (https://deportes.pontevedra.gal/) as listas definitivas de admitidos na vintena de especialidades ofertadas por 32 clubs da cidade nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) 2022-2023. Nesta relación, a Concellería de Deportes dá a coñecer tanto o listado das disciplinas que non precisaron dun sorteo (https://deportes.pontevedra.gal/web2020/wp-content/uploads/2022/09/Listado-corrixido-actividades-sen-sorteo-EDM-22-23.pdf) como o daquelas nas que foi necesario celebrar sorteo e que teñen lista de agarda (https://deportes.pontevedra.gal/web2020/wp-content/uploads/2022/09/Resultado-sorteo-EDM-22-23-1-a-91.pdf).

Os deportes nos que se ofrecen prazas son atletismo, educación física, formación para o deporte, bádminton, baloncesto, balonmán, ciclismo, montañismo, fútbol, tenis, tenis de mesa, rugby, salvamento acuático, taekwondo, voleibol, xadrez, ximnasia acrobática e ximnasia rítmica. Os clubs colaboradores son Arxil, Cab Pontevedra, Boa Vila Basket, Baloncesto Estudiantes, Bádminton Ravachol, Sociedad Gimnástica, Club Atletismo Rías Baixas, CB Cisne, Club Treboada, Xiada, Pontus Veteris, Escola de Xadrez, Voleibol Pontevedra, Tenis de Mesa de Monte Porreiro, Casino Mercantil, Club de Tenis, Taekanar, Mace Sport, Club de Salvamento Acuático, Pontevedra Rugby Club, Mareantes, SCD Salcedo, Leis 26, Salgueiriños, Indepo, Portero 2000, AJ Lérez, ACD A Seca, Aromon, Club Ciclista Farto, Teucro e Cisne.

A fase de inscrición final realizarase no mesmo lugar no que se desenvolva a actividade e xestionarase directamente coa entidade organizadora. Nos primeiros días, durante a actividade, entregaranlles a ficha de inscrición definitiva, sendo necesario achegarlle á persoa responsable da entidade que coordina a actividade a seguinte documentación: ademais da mencionada ficha de inscrición debidamente cuberta, o DNI do/a representante legal do/a menor, a tarxeta sanitaria do/a menor e o xustificante do pagamento da inscrición.
As actividades enmarcadas dentro das EDM están subvencionadas polo Concello cunha axuda máxima de 82 € por cada neno/a, sendo a cota de inscrición por curso de 50 € por rapaz/a.

As sesións terán lugar nos pavillóns Municipal, Marcos da Portela, Xunqueira I, Xunqueira II, Príncipe Felipe, Cabanas, Frei Martín Sarmiento, Sánchez Cantón, CGTD, no Pavillón Universitario, no do Colexio Los Sauces, nos campos de fútbol Manolo Barreiro, no Multiúsos da Xunqueira, no rocódromo municipal do Multiúsos da Xunqueira, no parque polideportivo do Mercantil, no Club Mace Sport, no Centro Deportivo Municipal de Campolongo, no campo de rugby de Monte Porrerio, no campo de fútbol de Campañó, no Club de Tenis, na praza de Fermín Bouza Brey e no monte de Salcedo.