O Ganapán convida aos máis pequenos a viaxar por Italia e Grecia esta fin de semana a través de deliciosas receitas de pizza de mazá e gorgonzola e spanakopita de espinacas de queixo

11
  • O programa de lecer infantil da Concellería de Promoción Económica tamén oferta uns talleres de confección de simpáticos cangrexos de cores vivas e de orixinais marionetas para utilizar cos dedos

Os rapaces e rapazas que participen esta fin de semana nas actividades organizadas no Mercado de Abastos dentro de O Ganapán terán a oportunidade de viaxar por Italia e Grecia a través dos sabores de deliciosas receitas inspiradas en pratos ben mediterráneos. Entre os talleres propostos polo programa de lecer infantil da Concellería de Promoción Económica e Turismo inclúense un obradoiro de elaboración de pizza de mazá e gorgonzola, o sábado 1 de outubro, e outro no que os nenos e nenas poderán cociñar spanakopitas de espinacas e queixo, unhas tortas vexetarianas moi populares no país heleno.


A oferta tamén será moi atractiva no eido creativo, cunha actividade de confección de simpáticos cangrexos con cores vivas e cheiriño a mar (o sábado) e outra de deseño de marionetas de dedo, no que a rapazada poderá gozar creando historias cos seus propios monicreques. Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “todos aqueles nenos e nenas de 4 a 10 anos que desexen participar nos talleres deberán reservar a súa praza previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando no correo se teñen algunha alerxia ou intolerancia”. “Que ninguén esqueza a súa friameira -subliña a edil do PSOE- para levar a casa eses sabores italianos e gregos que cociñen no Ganapán”.