Goles a ‘palazos’ nas augas do Pontillón esta fin de semana coa celebración do XXII Campionato de España de Caiac Polo por Federacións Autonómicas

23
  • O Complexo Deportivo David Cal de Verducido converterase durante as xornadas do sábado e o domingo en escenario deste evento de máximo nivel que se desenvolverá en categorías Absoluta, Sub 21 e Sub 16 masculina e feminina
  • Na competición, que dará comezo ás 8:30 horas do sábado, participarán, ademais da selección galega, os equipos de Valencia, Madrid, Andalucía, Cataluña e Castela A Mancha

As augas do Pontillón do Castro volverán vibrar esta fin de semana cunha competición de máximo nivel nacional e dunha disciplina na que o espectáculo dos goles (a ‘palazos’) está garantido. O Complexo Deportivo David Cal de Verducido converterase durante as xornadas do sábado e o domingo en escenario do XII Campionato de España de Caiac Polo por Federacións Autonómicas, que se desenvolverá en cateogrías Absoluta, Sub 21 e Sub 16, tanto masculina como feminina.


O evento, organizado pola Federación Galega de Piragüismo en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra, conta co apoio da Real Federación Española de Piragüismo, o Consello Superior de Deportes, a Fundación Deporte Xoven e o Xacobeo, así como de Iberdrola, Coca Cola, Grupo Caliche e Tour Universo Muller. Os encontros darán comezo o sábado ás 8:30 horas e celebraranse durante todo o día (os últimos, ás 18:30 horas), cunha primeira fase nas que participarán: en categoría Sénior, ademais da selección galega, os equipos de Valencia, Madrid, Andalucía e Cataluña; na Sub 21, os de Galicia, Cataluña, Castela A Mancha, Madrid, Valencia e Andalucía, e na Sub 16, os de Galicia, Cataluña, Valencia, Madrid e Andalucía. As semifinais e finais xogaranse o domingo pola mañá, desde as 10:00 horas.


Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o caiac polo é un deporte entretido, trepidante e espectacular, no que os xogadores teñen que marcar o maior número de goles posible sobre un caiac de tres metros, cunha pala duns dous metros, nunha portería que se atopa a dous metros de altura”. “Unha vez máis, estamos ante un evento que, por máis que un non saiba absolutamente nada desta disciplina, engancha desde o primeiro intre e é un magnífico plan para desfrutar esta fin de semana. De novo, Pontevedra convértese en sede dun campionato de España, que traerá á nosa cidade a equipos e árbitros de toda a península, acompañados dos seus equipos técnicos e das súas familias, co retorno que todo isto supón a nivel económico e turístico. Convido a todo o mundo a achegarse ata a Pontillón, porque non se arrepentirán”, sinala o edil do PSOE.