Pontevedra exhibe ‘músculo’ no sprint final para converterse en Capital Española da Gastronomía 2023: arrinca a II Festa das Cunchas co Roteiro de Petiscos e a cidade envía un dossier “insuperable” ao xurado da Federación de Xornalistas e Escritores de Turismo

224
  • O evento estrela do proxecto Pontevedra Capital Gastro, homenaxe ao mellor marisco de cuncha da nosa ría, incluirá, entre os días 6 e 9 de outubro, unha nova edición da emocionante Batalla das Cunchas e a instalación dun Mercado das Cunchas na Praza de España, onde 8 cociñeiros estarán elaborando tapas para a cidadanía durante 4 días
  • Co obxectivo de promocionar e potenciar a candidatura a Capital Española da Gastronomía, este ano estrearase un Circuíto de Orientación ‘quiztrack’ (preguntas e respostas) xestionado a través dunha App e con 15 puntos de control sinalizados con códigos QR
  • No marco deste festival culinario, o CIFP Carlos Oroza recibirá o II galardón Loureiro de Ouro en recoñecemento pola súa contribución á gastronomía nos seus 25 anos de historia

A II edición da Festa das Cunchas, a festividade gastronómica máis identitaria e potente do proxecto Pontevedra Capital Gastro e do noso concello, terá este ano un sabor moi especial, ao converterse nunha exhibición máis de ‘músculo’ en pleno sprint final da nosa cidade de cara a converterse en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023. O evento, homenaxe ao mellor marisco de cuncha da nosa ría (mexillón, navalla, vieira, berberecho, zamburiña, ostrón, ameixa e escupiña), arrinca hoxe mesmo cun novo Roteiro de Petiscos protagonizado polos establecementos de hostalería de Pontevedra, incluirá a celebración da agardada e emocionante Batalla das Cunchas e traerá como principais novidades a instalación dun Mercado das Cunchas na Praza de España entre os días 6 e 9 de outubro e a estrea dun Circuíto de Orientación Gamificada ‘quiztrack’ (preguntas e respostas) ‘Cidade Candidata a CEG 2023’, xestionado a través dunha App e dotado dun mapa da zona, un panel explicativo e 15 puntos de control sinalizados con códigos QR.


Un intenso e delicioso programa de actividades que se vai desenvolver coincidindo co envío, á Federación Española de Xornalistas e Esctritores de Turismo, do dossier que a Concellería de Promoción Económica e Turismo e a firma Carta Blanca elaboraron para expoñer os argumentos cos que aspiramos a recoller a testemuña de Sanlúcar de Barrameda como CEG. Un extenso informe documental escrito, fotográfico e audiovisual cuxa expedición se produce tralo acto de presentación desta II Festa das Cunchas, que tivo lugar esta mañá no Mercado de Abastos e no que participaron os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes; o responsable comercial de Estrella Galicia en Pontevedra, Miguel Ángel Vázquez; os responsables da firma TricTrack (que porá en funcionamento o Circuíto de Orientación e desenvolveu a App), Martín Morales e Arantza Jiménez, e os compoñentes dese ‘all star’ da restauración local que conforman a Banda Cociñas de Pontevedra: Marta Santiago, de A Fervella; Pablo Romero, de Bagos; Carlos Barreira, de Bocarte; Carmen Canabal, de Causa Street Food; Rubén González Vallejo, de El Cafetín; Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula; Marcos Romero, de Mar de Fóra; Marta García, de Meigas Fóra; Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña; Sergio Roma, de O Souto, e Toño Mora e Andrés Muñoz, de O Padal da Santiña.


Tal e como salientou Yoya Blanco, “estamos unha edición moi especial da Festa das Cunchas, na que imos incidir na candidatura de Pontevedra a Capital Española da Gastronomía, que se pon en marcha hoxe mesmo co Roteiro de Petiscos con 20 establecementos hostaleiros e que potenciará substancialmente o seu programa co Mercado das Cunchas que estará na Praza de España entre os días 6 e 9 de outubro, onde tamén se entregará o premio Loureiro de Ouro”. Neste sentido, a concelleira socialista aproveitou a presentación para desvelar o nome da institución á que neste 2022 lle será outorgado o Loureiro: “O CIFP Carlos Oroza, pola súa contribución á gastronomía durante os seus 25 anos de historia”. O acto de entrega deste galardón, que na súa primeira edición recibiu o barrio da Moureira (de mans do Gremio de Mareantes), terá lugar o venres 7 ás 12:00 horas no propio Mercado das Cunchas.
“Hai institución que son vitais nese longo camiño que estamos a percorrer para seren Capital Española da Gastronomía 2023 -subliñou Blanco- e unha delas é o CIFP Carlos Oroza”.


O Roteiro de Petiscos polo que os pontevedreses poderán peregrinar desde hoxe e ata o 9 de outubro conta coa participación dunha vintena de establecementos hostaleiros: Casa Durán, Raxería Lola, Casa Verdún, A Batea do Mercado, Restaurante Casa Digna, A Fervella, Adega dos Avós, O Souto, El Cafetín, Croquetería El Crack, Taberna Zentola, Restaurante Bocarte, Hangar 218, La Cata, Meigas Fóra, La Culpa de la Gula, Loaira Xantar, Zona Zero, Sonata e Café Bar 33.


O Mercado das Cunchas abrirá as súas portas ao público o xoves 6 de outubro nunha carpa de 750 metros cadrados que se instalará na Praza de España e que albergará a 8 cociñas que sairán dos seus restaurantes para poñer en valor a gastronomía da cidade. A Banda Cociñas de Pontevedra estará en directo elaborando cada un dos 4 petiscos (3 salgados e 1 doce): Iñaki Bretal con Loaira; Rubén González de El Cafetín; Carlos Barreira de Bocarte; Sergio Roma de O Souto; Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula; Marta Santiago de A Fervella; Marta García de Meigas Fóra, e Toño Mora e Andrés Muñoz de O Padal da Santiña.


Só pode quedar un

Unha exhibición de talento que vivirá un dos seus momentos climáticos coa celebración da II Batalla das Cunchas, ese concurso en formato de cociña en directo que supón un dos eixos vertebradores desta Festa, que na súa primeira edición foi apadriñado polo televisivo chef Carlos Maldonado (ata a data único Estrela Michelin que saíu dos fogóns de Masterchef) e no que, como nos Inmortais, só pode quedar un, o mellor dos mellores. O evento, que este ano terá como mestre de cerimonia ao célebre escritor pontevedrés Manel Loureiro, servirá para inaugurar o Mercado das Cunchas o 6 de outubro ás 18:00 horas e nel oito cociñeiros da Banda Cociñas de Pontevedra defenderán cada un dos mariscos homenaxeados, cociñando as súas propostas por parellas mentres un xurado profesional proba e cualifica as tapas elaboradas co obxectivo de proclamar ao marisco vencedor da mellor tapa (posto que a intención é a diversión e non a competencia).


Segundo explicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “á marxe do Mercado das Cunchas, unha das novidades máis significativas desta Festa das Cunchas 2022 será a incorporación do Circuíto de Orientación ‘Cidade Candidata a CEG 2023’, realizado pola App TricTrack, que permite gamificar recursos turísticos en espazos naturais ou urbanos, coa finalidade de poñelos en valor dun xeito sostible”. Trátase dun evento temporal de orientación ‘quiztrack’ co que se pretende promocionar a candidatura de Pontevedra e que estará conformado por un mapa da zona, un panel explicativo de pvc no punto de inicio e 15 puntos de control sinalizados con códigos QR.


Segundo precisou Iván Puentes, “con este Circuíto de Orientación pretendemos gamificar o coñecemento da cidade, xa que a Festa das Cunchas atrae a pontevedreses e a xente de fóra de Pontevedra, e tanto un como outros teñen recunchos da cidade que poden descubrir dun xeito diferente ao de pasear cunha guía turística, que é precisamente ir descubríndoos a través dun circuíto de preguntas/respostas”. “Neste Circuíto vanse introducir elementos que permitan promocionar a candidatura de Pontevedra a CEP, xa que o xurado non só premia os aspectos culinarios, senón tamén a actividade económica, turística e social vencellada á cidade.

Outro dos obxectivos é o de achegar ao coñecemento da cidadanía as zonas verdes e espazos públicos do concello e a súa vinculación coa hostalería de Pontevedra. Trátase de fusionar eses espazos que temos na cidade coa súa cultura gastronómica e hostaleira, como aconteceu co festival Ferve na Alameda”.


O Circuíto de Orientación consta de catro rutas: unha Centro, unha pola Zona Monumental, outra vencellada á Ría (coa Moureira e a súa tradición mariñeira como epicentro da mesma) e unha relacionada co treito urbano do Camiño de Santiago. As persoas que completen os catro roteiros terán un premio simbólico consistente nunha consumición gratuíta no Mercado das Cunchas.


“É importante que a cidadanía participe activamente na Festa das Cunchas e empurre para que Pontevedra sexa CEG”


Yoya Blanco fixo fincapé no “insuperable” dossier que Pontevedra enviará hoxe mesmo ao xurado de CEG, que valorará “unha serie de documentación e un vídeo no que colaboraron moitísimas institucións e no que participaron, ademais do alcalde de Pontevedra, a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que están totalmente volcados con que a cidade sexa Capital Española da Gastronomía 2023”.

“Van valorar a tradición gastronómica, os eventos gastronómicos, as posibilidades de Pontevedra como cidade de turismo, as prazas hoteleiras… É moi importante que á Pontevedra se lle concedese a subvención para o seu Plan de Sostibilidade Turística, o que indica que temos capacidade para dar a coñecer unha cidade moi potente a nivel turístico. Quero convidar á cidadanía a que participe activamente na Festa das Cunchas, xa que é importante que todo o mundo empurre para que Pontevedra sexa CEG”.