Volven as Noites Abertas coa apertura solicitude de proxectos para a edición de 2023

61

Celebrarase do 27 de xaneiro ao 1 de abril no Froebel, Casa Azul, o Local de Música, Pavillón Multiusos, os campos da Xunqueira e as prazas e rúas da cidade. O programa está destinado á mocidade de 12 a 30 anos.

Mañá ábrese o prazo para a presentación de proxectos, que rematará o 20 de outubro. Poden presentarse empresas, autónomos, colectivos, entidades ou persoas a título particular. Os proxectos presentaranse en noitesabertas.gal 

A Concellaría de Xuventude que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, presentou esta mañá a 24 edición de Noites Abertas que se celebrará entre o 27 de xaneiro e o 1 de abril, cunha parada durante o entroido. Mañá, 30 de setembro, abre o período para a recepción de proxectos a través da web noitesabertas.gal, e pecharase o 20 de outubro.

Poden presentar proxectos tanto colectivos, como entidades, empresas, autónomos e, incluso, persoas a título particular respectando os criterios como a inclusividade, que se celebren na fin de semana, poden ser de interior ou exterior, e deben ser de balde. Terán unha duración máxima de 2 horas e mínima de 1 hora; as sesións máximas serán 4 e mínimas, 1.

As actividades estarán pensadas para persoas entre o 12 e os 30 anos, aínda que se poden facer para un rango de idade concreto. Desenvolveranse na tarde-noite dos venres e sábados, entre as 20 e as 22 horas.

Os espazos das Noites Abertas serán o Froebel, Casa Azul, o Local de Música, Pavillón Multiusos, os campos da Xunqueira e as prazas e rúas da cidade.

Segundo os datos que facilitou o concelleiro Alberto Oubiña, en 2022 presentárone 135 propostas: 24 pymes, 19 proxectos de clubs e asociacións, 78 empresas e autónomos, 10 colectivos e 28 proxectos de persoas a título individual. Deste total, a Concellaría escolleu 70. Participaron 2.078 persoas, é dicir, unha media de 260 persoas por fin de semana.

O público máis numeroso das Noites Abertas foi o do rango de idade dos 17 aos 25 anos (64%), seguido do de 12 a 16 anos (22%).

Alberto Oubiña destacou que Noites Abertas “é a primeira oportunidade laboral para moitos mozos e mozas, porque teñen que pensar no seu proxecto. E moitos deles fan del a súa forma de vida, de feito hai exemplos de empresas de Pontevedra que foron medrando a partir de Noites Abertas, e creáronse como empresas de futuro”.