- A iniciativa Empregadas, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, conta con oficina no Centro de Información á Muller (CIM) e ofrece entrevistas individualizadas para a creación de itinerarios personalizados, formación ocupacional a través de obradoiros e faladoiros específicos, titorización para o autoemprego e sesións grupais para traballar habilidades básicas e mellorar a empregabilidade
- Todas aquelas mulleres interesadas poderán obter máis información sobre este proxecto a través do email empregadas@pontevedra.eu, o teléfono 621 18 00 30 ou achegándose directamente ata o 3º andar do CIM, de luns a venres, en horario de 10:30 a 13:30 horas
Mellorar a empregabilidade e inserción laboral das mulleres da cidade en situación de desemprego é o principal obxectivo do programa Empregadas, un servizo de asesoramento e orientación laboral gratuíto, integrado na iniciativa A Redeira e posto en marcha este verán pola Concellería de Igualdade co pulo dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder). A través da xestión de itinerarios personalizados de inserción, o proxecto traballa de xeito individual e grupal aspectos persoais e profesionais coa finalidade de facilitar e posibilitar a inserción no mercado laboral por conta allea ou pola vía do autoemprego.
O programa Empregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e destinado a mulleres desempregadas residentes no concello de Pontevedra, configúrase como unha asesoría laboral no que se ofrecerá orientación, contacto con ofertas de emprego e recomendacións para poñer en marcha negocios propios. A iniciativa foi presentada esta mañá pola concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Emprego, a socialista Yoya Blanco, no recentemente remodelado edificio do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, en cuxo 3º andar está a oficina física deste servizo (Praza de José Martí s/n), nunha comparecencia na que estivo acompañada pola traballadora social Diana Vila, que desenvolve a atención directa do servizo de asesoramento e orientación; a coordinadora do proxecto, Raquel González; a directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda.
“Este programa está pensado para todas aquelas mulleres que buscan insertarse no mercado laboral para contar cunha maior autonomía, desenvolver habilidades e destrezas, adquirir ou reciclar coñecementos que faciliten o seu acceso ao mercado de traballo e xerar oportunidades para mellorar a súa capacidade técnica de emprendemento e crear o seu propio negocio”, explicou Yoya Blanco.
Empregadas ofrece entrevistas individualizadas para o estudo de cada perfil profesional, coa creación dun itinerario personalizado de inserción; información, orientación e asesoramento laboral individualizado; formación ocupacional a través de obradoiros e faladoiros específicos; asesoramento, titorización e formación específica para o autoemprego, e sesións grupais para traballar habilidades básicas e mellorar a empregabilidade, xerando e consolidando redes de autoaxuda e colaboración entre as mulleres do grupo.
A iniciativa púxose en marcha no pasado mes de agosto e, ata a data, xa foron cinco as mulleres que se beneficiaron deste servizo de orientación e asesoramento. Tal e como subliñou a concelleira de Igualdade, “o edificio de Santa Clara remodelouse precisamente para facer proxectos como este de Empregadas”, ao contar no 2º andar cunha sala común idónea para as sesións grupais e os obradoiros”. “Todo isto entronca cos obxectivos da área de Emprego, desde a que estamos a realizar un esforzo en materia de inserción laboral, con formación en diversas empresas da cidade, e neste caso, especficamente para mulleres”, apuntou a edil do PSOE.
Obradoiros, faladoiros e formación ocupacional
Segundo indicou Diana Vila, “polo de agora, as mulleres que participaron no programa carecen de formación, polo que os traballos aos que poden acceder son aqueles que non requiren de estudos, e non saben moi ben por onde moverse”. A traballadora social avanzou que a iniciativa porá en marcha de xeito inminente as actividades formativas, “o que as axudará moito a poder encamiñarse”. “Ademais do Sepe, hai moitas outras ferramentas de procura de emprego, empresas de traballo temporal, formación regrada á que se poder acceder e cursos que abren as portas dalgún emprego”, matizou Vila.
A programación de Empregadas contempla obradoiros para a Creación de Empresas e Autoemprego, Técnicas para Mellorar e Adquirir Autoestima, Alfabetización Dixital e Ferramentas Google, así como faladoiros de Empregabilidade, Xénero e Empoderamento, Fomento do Espírito Emprendedor e Aposta polo Traballo Cooperativo e formación ocupacional/práctica en Xestión e Venta no Comercio Electrónico, Facturación Electrónica e Márketing Online.
Todas aquelas mulleres interesadas en beneficiarse deste servizo poden informarse a través do correo electrónico empregadas@pontevedra.eu, o teléfono 621 18 00 30 ou ben en persoa no CIM, de luns a venres en horario de 10:30 a 13:30 horas.