A parroquia de Tomeza volve ser elixida para situar un novo establecemento hoteleiro sostíbel

174
O proxecto de edificación contempla a creación de 16 novas prazas para hospedaxe de visitantes, invernadoiro e piscina
A parcela na que se construirá está situada na Valadiña, e conta con 9.349 metros cadrados 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno celebrada a primeira hora da mesma. Dentro dos asuntos tratados durante esta, e figurando na orde do día, aparecía a concesión de licenza urbanística para unha reforma, acondicionamento e ampliación dunha edificación existente no lugar da Valadiña, en Tomeza. O obxectivo final desta actuación sería abrir un establecemento de uso hoteleiro.

A edil sinalou que o proxecto non debe ser confundido co de Suites Nature, proxectado tamén nesta parroquia pontevedresa, senón que se trata dunha edificación diferente. 

«Estamos falando dunha parcela de 9.349 metros cadrados que se vai destinar para a construción dun hotel», explica Gulías. «Alégranos porque cremos que este tipo de reformas teñen dúas vantaxes: o emprendemento no rural de Pontevedra, que demostra que hai camiño que andar e que aos poucos así se vai facendo; e, doutra banda, a aparición de negocios altamente sostíbeis desde o punto de vista económico pero tamén desde o punto de vista medio ambiental».

O futuro establecemento hostaleiro contará cunha estrela e situará na planta baixa as zonas comúns —recepción e demais— e na primeira planta contará con seis habitacións dobres e unha planta baixo cuberta que será unha suite. «Ademais, contará cunha edificación auxiliar que terá como destino a hospedaxe accesíbel, e unha piscina e un invernadoiro. Todo isto dará lugar a 16 novas prazas para as persoas que se acheguen até Pontevedra».

Segundo falado cos promotores do proxecto, o espazo tamén servirá para acoller eventos de diverso tipo, como a exposición de plans, e tería un foro total de 73 persoas. O importe do proxecto está estimado en 354.330,02 euros.