O Concello de Pontevedra incorporará un novo vehículo para a extinción de incendios especializado en lumes forestais

37
Nos pregos técnicos tamén aparece recollido a inclusión dun equipamento portátil de dron cautivo, un dispositivo que permitirá controlar e comprobar a evolución dos lumes desde a altura 

Dentro da orde do día da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá de luns, 3 de outubro, aparecía na orde do día un punto que recollía un contrato de subministración do que deu conta a edil de Protección se Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde.

Tal e como sinalou a mesma concelleira, foi levado a Xunta de Goberno o inicio do expediente de contratación dun novo vehículo para o servizo de extinción de incendios de Pontevedra, que «a colación do falado no último pleno, demostra que este Concello ten unha aposta prioritaria polas dotacións e por este servizo, apostando por conseguir un servizo eficaz, dotándoo dos mellores medios e a mellor maquinaria e os mellores vehículos».

O futuro vehículo será un vehículo especializado para o eido forestal. «O parque municipal de incendios de Pontevedra atende incendios urbanos, mais pensamos que este é un flanco que debía ser cuberto, sobre todo polas características dos incendios que están acontecendo e vendo como estes cada vez están máis preto das cidades, existindo eidos preforestais que están nos perímetros urbanos. Hai que lembrar que pontevedra conta con 15 parroquias, nas que preto de 20 mil persoas habitan, cunha traza rural, con monte baixo moi próximo e con apeiros de labranza agrícolas, mesmo con presenza de moita madeira, o que pode provocar incendios con clara tipoloxía forestal», explicou a edil.

Esta adquisición entraría dentro do proxecto de investimentos que o Concello tiña para este mandato, previsto xa neste ano 2022 «e así se inicia o expediente». «É un vehículo que se acomoda moito mellor neste tipo de sucesos; xa tiñamos un vehículo adaptado a este tipo de incendios en particular, pero non deixaba de ser un vehículo de incendios urbanos, que xa tiña o seu tempo», comentou Vilaverde. 

O vehículo debe incluír, tal e como está incluído nos pregos técnicos do expediente, un equipamento portátil de dron cautivo. Este novo aparello, portátil —podería ser utilizado e transportado con outras unidades rodantes—, poderá ser utilizado tanto en incendios forestais coma urbanos. «É unha especie de dron, pero a alimentación vai por cable, podendo acadar alturas de até 45 metros, o que permitirá ver os lumes desde arriba e comprobar a evolución do mesmo». Este dron cautivo poderá ser utilizado por calquera dos bombeiros do corpo municipal.

O novo dispositivo, ademais, incorpora dous tipos de visión, a normal e a térmica, ofrecendo 365 graos de xiro, gravación en vídeo, toma de imaxes… «Ningún parque do estado conta aínda con un, polo que é unha aposta innovadora co fin de mellorar os equipamentos actuais do noso».

O orzamento para a adquisición do novo vehículo é de 394.460 euros, IVE incluído. Deberá ser entregado nun prazo de dez meses.